Nova: A Xunta renovará a dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea para abrir unha nova etapa na súa programación

17/03/2026

A Xunta renovará a dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea para abrir unha nova etapa na súa programación

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude procura ampliar a internacionalización, unha maior apertura á creatividade dixital e darlle pulo á descentralización das súas mostras dentro e fóra de Galicia

A decisión pon fin a unha etapa de case once anos con Santiago Olmo á fronte, que culmina coa consecución dainsignia da cultura galega polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea en 2025

Nos próximos días aprobaranse as bases para a elección da nova dirección seguindo os principios de transparencia, mérito e capacidade

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude anuncia a convocatoria dunha praza de libre designación para renovar a dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea, convocatoria coa que se busca abrir unha nova etapa na súa programación. Con esta decisión, procúrase ampliar a internacionalización, unha maior apertura á creatividade dixital coa irrupción das novas tecnoloxías e darlle pulo a súa descentralización dentro e fóra de Galicia.

O obxectivo do departamento de Cultura da Xunta con esta renovación é impulsar estes eidos na actividade deste centro museístico, referente da arte contemporánea en Galicia e España, tras case once anos con Santiago Olmo á fronte da súa dirección. A consellería, e en particular a Dirección xeral de Cultura, queren recoñecer a profesionalidade do seu traballo ao longo dun período que se consolidou como unha das institucións culturais galegas máis prestixiosas desde a súa creación en 1993. Precisamente, cómpre salientar a excelsa programación deseñada, baixo a súa dirección, para conmemorar o trinta aniversario e que contou con medio cento de actividades para todos os públicos.

De igual xeito, como resultado do labor desenvolvido ao longo deste período, o Centro Galego de Arte Contemporánea acadou en 2025 ser recoñecido como Insignia da cultura galega polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, segundo os resultados do prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España.

A elección da nova dirección realizarase a través dun convocatoria dunha praza de libre designación, cuxa convocatoria terá lugar nos próximos días, un proceso que cumprirá cos criterios de transparencia, mérito e capacidade para a selección da candidatura idónea.

Santiago Olmo

Santiago Olmo asumiu a dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea en agosto de 2015, un posto que ocuparon con anterioridade Miguel Von Hafe, Manuel Olveira, Gloria Moure, Miguel Fernández-Cid e Antón Pulido.

A súa traxectoria viña precedida por ser un dos críticos de arte e comisarios máis prestixiosos de España e Iberoamérica. E, precisamente, baixo a súa dirección acadou o fito de que o Centro Galego de Arte Contemporánea acollese a primeira mostra monográfica en España sobre videoarte en Centroamérica ou que se teña realizado a primeira colaboración institucional en materia cultural entre Galicia e as Illas Baleares, a través de Es Baluard Museu D’art Contemporani de Palma, sobre o recoñecido artista grego e máximo expoñente da Arte Povera, Jannis Kounellis.

Comparte