Nova: A Catedral de Tui celebra o seu 800 aniversario con dous ciclos de concertos apoiados pola Xunta
17/03/2026
A Catedral de Tui celebra o seu 800 aniversario con dous ciclos de concertos apoiados pola Xunta
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en valor o compromiso do Goberno galego con este templo no que se están investindo máis de 640.000€ para o Museo catedralicio
A axenda inclúe o vindeiro domingo 29 o concerto ‘Diálogos de San Francisco’ a cargo do grupo Magna Ferreira e citas en abril e xuño
Tui (Pontevedra), 17 de marzo de 2026
A Catedral de Tui pon en marcha os actos conmemorativos do seu 800 aniversario con dous ciclos de concertos apoiados pola Xunta de Galicia. Así o avanzou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na presentación destas actividades que arrancarán o vindeiro domingo, 29 de marzo, co concerto Diálogos de San Francisco, a cargo do grupo Magna Ferreira.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, puxo en valor o compromiso do Goberno galego “cunha das grandes xoias do noso patrimonio cultural”. “Este é un dos grandes templos nos que actuamos desde a Xunta de Galicia a través do Plan Catedrais para mantelos nas mellores condicións de conservación”, apuntou.
Tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, unha das últimas intervencións é a que está actualmente en marcha no Museo Catedralicio Diocesano para o proxecto museográfico e a montaxe expositiva cun orzamento de 640.000€. Neste senso, fixo fincapé “na importancia de poñer en valor os nosos bens impulsando espazos con carácter divulgativo, como é neste caso este museo, para permitir que se poida comprender mellor a súa historia relixiosa, patrimonial e turística”.
A primeira das citas conmemorativas do 800 aniversario da Catedral de Tui terá lugar o domingo 29 de marzo co concerto Diálogos de San Francisco, do grupo Magna Ferreira, ás 18,00 horas, ao abeiro do ciclo Hai ondas. A continuación, será a quenda das interpretacións de órgano e tuba por Antonio Moreno Leisbert e Edgar Dutary Aura Mundi, que se celebrarán o venres 17 e o domingo 19 de abril, respectivamente, ás 18,00 horas. Poñerá o broche final a este ciclo a conferencia-concerto de Ana Pereira sobre a representación da Virxe María na historia da arte, que será o 13 de xuño.
Por outra banda, baixo o título 8centosPés. Ciclo de órgano na Catedral de Tui, levaranse a cabo outros tres concertos. O primeiro deles será o 22 de abril baixo a dirección de Carlos Fernández Bollo, organista de Catedral de León, ao que seguirá dous dias despois o concerto de Enrique Martín-Laguna, músico da Catedral de Xetafe. O ciclo pechará co concerto de Loreto Aramande, da Basílica Santa María del Coro, de San Sebastián, o domingo 26 de abril.
