Nova: A Xunta impulsa a creación da primeira cátedra de Xestión Cultural especializada en patrimonio
16/03/2026
A Xunta impulsa a creación da primeira cátedra de Xestión Cultural especializada en patrimonio
- O Consello dá luz verde ao convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para a súa posta en marcha no Campus de Lugo, que imparte un grao nesta materia
- O Goberno galego achega 50.000 euros distribuídos en dúas anualidades para accións vencelladas á preservación e á posta en valor de bens patrimoniais
- A proposta servirá para realizar actividades de formación e investigación, así como incentivar a colaboración entre persoal investigador, profesorado e profesionais da xestión cultura e patrimonial
O Consello da Xunta deu luz verde hoxe ao convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Universidade de Santiago de Compostela para a posta en marcha da primeira cátedra institucional de Xestión Cultural, especializada en Patrimonio, que se impartirá na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, onde xa se existe un grao universitario nesta materia.
Para a súa creación, o Goberno galego achegará 50.000 euros distribuídos en dúas anualidades, repartidos en 25.000 euros para a de 2026 e a mesma cantidade para a de 2027. Deste xeito, colabórase coa Universidade de Santiago na creación deste proxecto académico que prestará especial atención á xestión patrimonial, a través da investigación e a innovación, pero tamén fomentado a difusión, valorización e transmisión ás xeracións futuras destes bens a prol dunha mellor protección e conservacións dos mesmos.
Con este fin, a cátedra institucional de Xestión Cultural centrarase de xeito específico en potenciar o sector da cultura na sociedade lucense e, por extensión, en toda a Comunidade, tanto na súa vertente social como formativa e económica. De igual xeito, terán entre as súas finalidades detectar as posibles fortalezas e debilidades das industrias culturais en Galicia.
Participación de expertos de renome internacional
Ademais, levará a cabo estudos culturais de carácter internacional, nacional, autonómico e local coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento da cultura e da xestión do patrimonio cultural. Da mesma forma, propoñerá políticas culturais e de salvagarda do patrimonio cultural, adaptadas á realidade actual.
Finalmente, a cátedra procurará a colaboración entre o persoal investigador da Universidade de Santiago con expertos de renome internacional, tanto do eido da educación ou a investigación, e tamén con xestores culturais e patrimoniais.
I Premio de Investigación Ana Goy Diz
A catédra institucional de Xestión Cultural botará a andar no curso 2026/2027 e conta xa con actividades deseñadas para o seu programa curricular, entre as que se atopa a convocatoria do I Premio de Investigación en Xestión Cultural Ana Goy Diz, en homenaxe á primeira catedrática de Historia da Arte no Campus de Lugo e representante en Galicia do Icomos. Este certame terá por obxecto contribuír á promoción da investigación e innovación, así como á divulgación e transferencia de coñecementos no sector cultural e do patrimonio cultural.
Cómpre salientar que este convenio do Goberno galego coa Universidade de Santiago de Compostela realízase ao abeiro do Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Esta iniciativa inclúe medidas para a difusión dos traballos realizados para a preservación e incremento de bens; accións de análise e investigación; organización e participación en cursos e congresos, e o desenvolvemento de accións e actividades nun marco educativo que introduza aspectos relacionados co patrimonio cultural.
Pola súa banda, a Universidade de Santiago facilitará os medios materiais e instalacións necesarias para o correcto desenvolvemento da cátedra, e contará como órgano unipersoal cun ou cunha directora, responsable da execución do programa de actividades. Ademais, terá unha Comisión Mixta de Seguimento que se reunirá, como mínimo, unha vez ao ano.
