Nova: López Campos comparte en Hollywood co equipo de ‘Sirat’ o feito histórico da competición do audiovisual galego nos Premios Óscar
15/03/2026
López Campos comparte en Hollywood co equipo de ‘Sirat’ o feito histórico da competición do audiovisual galego nos Premios Óscar
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude acompaña a Oliver Laxe na cerimonia de entrega dos galardóns que se celebra hoxe no Dolby Theatre
O filme, con dirección e produción galega, concorre como finalista a mellor película internacional e mellor son
A longametraxe contou co apoio da Xunta para a súa realización e para distintas accións de promoción
Los Ángeles (Os Estados Unidos de América), 15 de marzo de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, comparte en Los Ángeles co equipo do filme Sirat o acontecemento histórico que supón para o noso audiovisual que por vez primeira unha película galega concorra como finalista aos Premios Óscar da Academia de Holywood.
O titular de Cultura da Xunta, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, exerce a representación institucional da Xunta na cerimonia de entrega que terá lugar esta madrugada (hora galega) no Dolby Theatre, coa mirada posta nas categorías de mellor película internacional e de mellor son, ás que opta a película dirixida polo galego Oliver Laxe e con participación galega na súa produción.
A longametraxe, á que o conselleiro se referiu como “fenómeno cinematográfico que proba que o talento do audiovisual galego non ten fronteiras nin límites”, foi realizada co apoio da Xunta e contou tamén cunha achega autonómica para a súa campaña de promoción cara aos Óscar, os premios máis relevantes e mediáticos do panorama mundial.
Sirat chega agora aos Óscar facendo historia como o filme máis laureado do cinema galego desde a súa estrea en maio de 2025 no Festival de Cannes, onde gañou o Premio do Xurado. Nos últimos meses leva colleitado múltiples recoñecementos, entre eles seis premios Goya, cinco premios do cinema europeo, oito premios Gaudí, dous premios Feroz, o premio á mellor película no Festival Internacional de Chicago ou tres medallas do Círculo de Escritores Cinematográficos, ademais de distintas candidaturas finalistas a convocatorias tan relevantes como a distintas categorías dos Globos de Ouro, á mellor película en fala non inglesa nos Bafta británicos, ao mellor filme estranxeiro nos César franceses, a mellor director nos Gotham de Nova York ou á mellor película dos galardóns da Asociación de Críticos Norteamericanos, entre outras distincións.

