Nova: López Campos visita os ensaios de ‘Hamlet’, espectáculo do Centro Dramático, que se estrea o 19 de marzo

13/03/2026

López Campos visita os ensaios de ‘Hamlet’, espectáculo do Centro Dramático, que se estrea o 19 de marzo

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude valora que a compañía pública actualice o clásico de Shakespeare nunha nova versión galega

Baixo a dirección de Tito Asorey, estrearase no compostelán Salón Teatro o 19 de marzo e haberá funcións de mércores a domingo ata o 3 de maio

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou no Salón Teatro de Santiago de Compostela os ensaios de Hamlet, espectáculo do Centro Dramático Galego con dirección de Tito Asorey que se estreará o vindeiro 19 de marzo. A unidade teatral da Xunta asume así unha versión galega e actualizada do clásico de Shakespeare, asinada polo propio Asorey xunto a Vanesa Sotelo, nunha montaxe de gran formato que conta cun elenco de 16 actores e actrices.

Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e polo director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, López Campos intercambiou impresións co elenco e resto de membros do equipo artístico e técnico desta proposta. Valorou de xeito moi positivo a elección para a presente temporada teatral da célebre peza, unha das máis representadas da historia e que non se montaba de xeito profesional en galego desde hai dúas décadas. Neste sentido, celebrou que fora a compañía institucional de teatro de Galicia quen asumira o reto coa mirada posta na actualidade e no público de hoxe.

Ademais de Alejandro Jato no papel protagonista, completan a interpretación Sergio Abelaira, Cristina Andrade, Belén Constenla, Raquel Espada, Isabel Garrido, César Goldi, Marita Martínez, Iolanda Muíños, Anxo Outumuro, Pedro Placer, Adrián Ríos, Machi Salgado, Toni Salgado, Inés Salvado Gontad e Sergio Zearreta.  Outros nomes importantes que suman as súas realizacións ao proxecto son Carlos Alonso na escenografía, Laura Iturralde na iluminación, Saturna no vestiario, Xavier Bértolo no espazo sonoro, Lorena Calvo na maquillaxe e caracterización, Rut Balbís no movemento escénico e coreografía, Xosé Piñeiro na loita escénica, Melania Cruz na asistencia de texto, Rosa Moledo no asesoramento lingüístico e Sara Rey como axudante de dirección. 

A venda de entradas para as funcións de Hamlet, que se desenvolverán de mércores a domingo ata o 3 de maio, está dispoñible na plataforma web Ataquilla e no despacho de billetes do Salón Teatro nos días de apertura. Como en anteriores producións propias, poranse en marcha accións de mediación, de mobilidade territorial e de accesibilidade.

Comparte