Nova: A Xunta amosa no Centro Galego de Arte Contemporánea a primeira exposición individual de Alexandra Ranner nun museo español

13/03/2026

A Xunta amosa no Centro Galego de Arte Contemporánea a primeira exposición individual de Alexandra Ranner nun museo español

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalza a capacidade da artista alemá no emprego do “humor, o sarcasmo e absurdo”

A mostra, incluída no programa ‘As exposicións de 2026 como motor da Galicia Calidade’, poderá verse ata o 27 de setembro

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe Rumor, a nova exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea que quedará inaugurada esta tarde e que supón a primeira exposición individual da artista alemá Alexandra Ranner nun museo de España.

Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, esta é unha das 70 propostas incluídas no programa As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade coas que a Xunta de Galicia busca fomentar o acceso á cultura e contribuír á formación da cidadanía. “Con Rumor ofrecemos unha nova posibilidade para que tanto a sociedade galega como a xente que nos visita se acheguen a este gran referente cultural e turístico que é o Centro Galego de Arte Contemporánea”, apuntou Anxo M. Lorenzo.

Segundo precisou, a mostra, que se pode visitar desde hoxe e ata o 27 de setembro no centro cultural de Santiago de Compostela, parte dunha selección de traballos da artista berlinesa, que atinxen á fotografía, á escultura, á instalación ou ao vídeo, “e que permiten facer percorrido pola súa traxectoria desde o ano 2003 ata a actualidade”, afondou.

Precisamente, o director xeral de Cultura salientou a capacidade da artista alemá Alexandra Ranner no emprego do “humor, o sarcasmo e o absurdo para tratar as convulsións da sociedade contemporánea desde unha poderosa calidade plástica”. Ademais, destacou “o axeitado do espazo arquitectónico do Centro Galego de Arte Contemporánea con muros, miras e xanelas para recrear a atmosfera tan singular propia do universo da artista”, en referencia os animais, paisaxes, arquitecturas e ruínas que soe representar.

Sobre Alexandra Ranner

Alexandra Ranner estudou Belas Artes nas academias de Lisboa e Múnic e súa obra foi recoñecida con premios en Alemaña e exposta en citas de arte internacionais, como a Bienal de Venecia, Trienal de Yokohama ou a Exposición Internacional de Arte de Atenas. Ademais, as súas creacións forman parte das coleccións de museos e centros de arte como o Museu de Arte Contemporânea Armando Martinsde, de Lisboa; o Mumokm de Viena; a Pinakothek der Moderne e a Städtische Galerie im Lenbachhaus, de Múnic, ou no mesmo no Centro Galego de Arte Contemporánea.

As súas pezas están presenten, ademais, en diversas coleccións privadas españolas e alemáns, entre as que destacan a Oliva Arauna. a Fundación ARCO, a Pilar Citoler e as Wemhöner, Sammlung Goetz e Falckenber.

Comparte