Nova: A Xunta pon en valor o legado da primeira muller que dirixiu un xornal de ámbito estatal
12/03/2026
A Xunta pon en valor o legado da primeira muller que dirixiu un xornal de ámbito estatal
A exposición reúne 24 pezas entre distintas publicacións da escritora e xornalista e a correspondencia que mantivo con Vicente Risco entre 1955 e 1960
Anxo M. Lorenzo destaca o achegamento “á figura dunha referente para as mulleres do seu tempo a través do legado que salvagardan espazos como os arquivos”
Ourense, 12 de marzo de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Arquivo Histórico Provincial de Ourense a mostra María Luz Morales, pioneira do xornalismo feminino, organizada no marco da conmemoración do Día da Muller, e coa que, destacou, “achegamos á cidadanía e poñemos en valor a figura dunha galega que foi a primeira muller española en dirixir un xornal de ámbito estatal.
Así, o representante da Xunta explicou que se trata dunha escolma documental sobre a que fora directora de La Vanguardia entre 1936 e 1939, con 24 pezas, baseada en distintas publicacións da xornalista e escritora e na correspondencia que mantivo con Vicente Risco entre 1955 e 1960, conservada neste arquivo. Neste senso, apuntou que “volvemos dar conta da importancia do legado que salvagardan estes espazos como fonte de coñecemento e de achegamento á nosa historia”.
Tal e como resaltou Anxo M. Lorenzo, esta recompilación bibliográfica “fai un repaso polas súas facetas como escritora de novela, teatro e libro infantil, así como editora, tradutora, crítica cinematográfica e guionista, amosando a súa relevancia para a cultura galega e como referente para as mulleres do seu tempo”. Así mesmo, puxo en valor a súa traxectoria, que inclúe o seu traballo como parte da Asociación de Escritores Galegos, que se constituíu en 1936, ou a participación na campaña do Estatuto Galego do mesmo ano.
Ademais do material do propio Arquivo Histórico, a proposta conta con documentos procedentes da Biblioteca Pública Nós, da Biblioteca de Galicia, da Biblioteca Pública de Lugo e da Biblioteca Fundación Pública Camilo José Cela, xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como outras pezas da Real Academia Galega, de Galaxia, da Fundación Penzol, de Arxiu Fotogràfic de Barcelona e da colección particular da familia Conde Escuredo.
A mostra, que poderá visitarse ata o 30 de maio, forma parte do programa As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade, que conta con 74 exposicións temporais repartidas en 18 equipamentos culturais xestionados pola Xunta de Galicia.
