Nova: A Xunta e a Federación de Librarías de Galicia lanzan o calendario das Feiras do Libro deste ano que contará con 13 citas desde o 23 de abril

12/03/2026

A Xunta e a Federación de Librarías de Galicia lanzan o calendario das Feiras do Libro deste ano que contará con 13 citas desde o 23 de abril

O director xeral de Cultura , Anxo M. Lorenzo, presenta a axenda desta edición

Baixo o lema ‘A porta a universos infinitos’, inclúense máis de 80 días de actividade que simbolizan a lectura como evasión, pero tamén como coñecemento e pensamento crítico

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en valor “o gran momento que estamos a vivir neste eido coma unha das comunidades nas que máis subiu o índice de hábitos lectores nos últimos cinco anos”

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do calendario das Feiras do Libro de 2026, no que colaboran a Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia, e que este ano percorrerá 13 municipios galegos desde o 23 de abril e ata o 29 de agosto dando lugar a máis de 80 días de actividade cultural.

Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a edición deste ano celebrarase baixo o título A porta a universos infinitos e a cita inaugural será en Ferrol, do 23 ao 26 de abril. A continuación será a quenda de Santiago de Compostela, que terá lugar do 2 ao 10 de maio. En Lugo, pola súa banda, será do 13 ao 17 do mesmo mes, mentres que chegará ao Porriño do 14 ao 17 de maio. No mes de xuño, Redondela acollerá a súa feira do 11 ao 14 de xuño, mentres que en Ourense será do día 17 ao 20. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas desde o día 9 ata o 12 e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10, Viveiro do día 13 ao 19, Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.

Ademais, nesta edición, o ciclo busca fomentar a participación, mediante o debate, a conversa e a interacción directa entre creadores e público; a creatividade, incorporando novas actividades como roteiros literarios ou propostas interdisciplinarias, e o dinamismo, a través de recitais, intervencións artísticas e formatos áxiles. Así mesmo, as Feiras do Libro deste 2026 serán máis accesibles mediante programación pensada para públicos diversos, actividades inclusivas e un acceso á información máis claro e sinxelo, na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible aprobada pola Xunta de Galicia.

Neste senso, o director xeral de Cultura expuxo na presentación celebrada na Cidade da Cultura, a importancia “do papel das librarías no impulso deste hábito” e aproveitou para poñer en valor “o gran momento que estamos a vivir neste eido, como o demostra  a publicación do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros de España en 2025 no que se recolle que o 65,9% de galegos e galegas len libros no seu tempo libre por ocio”, establecéndose así coma unha das comunidades nas que máis subiu este índice nos últimos cinco anos.

Anxo M. Lorenzo aproveitou tamén para poñer en valor o traballo do Goberno galego para seguir a impulsar o sector do libro “mediante a posta en marcha do Plan de Dinamización da Lectura de Galicia con 115 medidas ata 2029 e unha inversión de máis de 60 M€”. A folla de ruta, a primeira destas características, busca seguir mellorando os hábitos lectores que sitúan á comunidade con índices superiores aos estatais e inclúen  medidas de apoio a audiolibros en galego ou o fomento da adaptación de libros en lectura fácil.

Comparte