Nova: A Xunta distribúe 80.000 euros para 47 contratacións de bandas galegas en festivais de música da comunidade
10/03/2026
A Xunta distribúe 80.000 euros para 47 contratacións de bandas galegas en festivais de música da comunidade
As oito citas que contarán con esta subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en 2026 son Asalto ao Castelo de Vimianzo, Ateneo Barroco, Castañazo, Castelo Rock, Electrofauna, Encordass Fiddle Fest, Millo Verde e The Wild Fest
Entre as formacións que integrarán as carteleiras atópanse Lula Mora, Vimbio ou Nadie González
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026
A Xunta resolveu a convocatoria de subvencións de 2026 para o fomento da contratación de música galega nos festivais profesionais que se celebran na nosa Comunidade, pola que se distribúen 80.000 euros para que 47 bandas e artistas do país formen parte das carteleiras de oito eventos.
A través desta liña específica de apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nacida en 2024 e que se mantén coa mesma dotación, incorpóranse por primeira vez como beneficiarios Asalto ao Castelo de Vimianzo, Castañazo, Castelo Rock, Electrofauna e Festival Alternativo Millo Verde. Repiten como festivais apoiados o Ateneo Barroco, Encordass Fiddle Fest e The Wild Fest.
Estas axudas do Goberno galego teñen como finalidade incrementar a presenza da música producida en Galicia nos festivais que se celebren ata o 31 de outubro deste ano e reforzar o tecido profesional do sector, apoiando programacións con traxectoria e capacidade de xestión. As bases tiñan establecido, entre outros requisitos, que os certames candidatos contaran con cando menos dúas edicións anteriores, unha duración mínima de dous días e un número mínimo total de cinco grupos ou solistas programados.
Diversidade de estilos
A resolución abrangue as divestas propostas musicais e formatos dos devanditos festivais. Así, a 19ª edición do Festival Alternativo Millo Verde (21 a 23 de maio, Redondela), aposta pola diversidade e por proxectos innovadores e alternativos, actuando como plataforma estable de visibilización e apoio á creación musical galega. Tamén no municipio redondelán, o 6º Encordass Fiddle Fest (2 a 4 de xullo, Illa de San Simón), é o único festival da península ibérica especializado en violín popular e música de corda tradicional, que combina aulas formativas, microconcertos acústicos e concerto final con orquestra propia. Ademais, co violín como fío condutor, explora as conexións da música popular e de raíz en diferentes culturas, nesta edición Escocia, fusionando artistas internacionais con música galega.
Vimianzo acollerá a 29ª edición de Asalto ao Castelo (3 e 4 de xullo), festival histórico e multidisciplinar con grande implicación da comunidade local, que integra música, teatro, gastronomía, artesanía e divulgación histórica e que está declarado Festa de Interese Turístico de Galicia.
Tamén conta co apoio da Xunta a 4ª edición de Electrofauna (29 de xullo a 1 de agosto, Santiago de Compostela), festival musical e multiartes de pequeno formato que homenaxea a natureza como fonte de inspiración creativa e combina música, electrónica, rutas ambientais e obradoiros.
Completan a relación de beneficiarios o 22º Castelo Rock (6 a 8 de agosto, Muros), festival de referencia da escena rock galega, integrado no centro histórico da vila coruñesa, cun modelo sostible e forte vínculo coa comunidade local a través de actividades diurnas e nocturnas para todos os públicos; o 8º The Wild Fest (28 a 30 de agosto, Oia), encontro multidisciplinar centrado na sustentabilidade e na natureza no Parque Forestal de San Miguel de Oia, con música, deporte, cinema e educación ambiental baixo principios de economía circular; tamén a 8ª edición do Festival de Música Antiga e Barroca. Ateneo Barroco (6 a 20 de outubro, Santiago de Compostela), festival galego especializado en música antiga e barroca, con programación temática en espazos históricos e dimensión divulgativa e musicolóxica; e a 21ª edición de Castañazo (30 e 31 de outubro, Chantada), festival outonal vencellado ao movemento bravú e á identidade rural contemporánea, que combina tradición e modernidade e ten un forte impacto territorial na Ribeira Sacra.
Á espera de novos anuncios por parte de cada organización, nas primeiras confirmacións feitas públicas, Asalto ao Castelo de Vimianzo avanzou a presenza de Dakidarría, Ulex, De Ninghures e Yaya DJ. Pola súa banda, o Festival Alternativo Millo Verde comunicou xa tamén actuacións galegas con Nadie González, Vimbio, iYaman Pablo e Lula Mora.

