Nova: A Xunta apoia a proxección nacional e internacional das creacions galegas en feiras de arte contemporánea
06/03/2026
A Xunta apoia a proxección nacional e internacional das creacions galegas en feiras de arte contemporánea
- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visita as galerías de arte de Galicia que participan esta fin de semana nas citas de ‘ARCOmadrid’, ‘Art Madrid’ e ‘CAN Art’
- O representante do Goberno galego salienta a importancia destes encontros para promover o talento dos artistas e poder establecer sinerxías con outros profesionais
- Destaca a liña de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para favorecer a presenza galega nestes encontros, que se volverán convocar en primavera
Madrid, 6 de marzo de 2026.- A Xunta de Galicia está apoiando a proxección nacional e internacional de creacións galegas nas feiras internacionais que se están a celebrar en Madrid pola “enorme repercusión e difusión que supoñen do talento dos nosos artistas e o relevante papel que exercen para establecer pontes e sinerxías con profesionais de todo o mundo”. Así o salientou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen visitou hoxe a Galería Nordés, que se atopa participando en ARCOmadrid e mañá, sábado, fará o mesmo coas Luísa Pita, MoretArt e Metro, ambas as dúas presentes na cita Art Madrid, e a Galería 30, na CAN Art.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a importancia deste tipo de feiras e mercados “na promoción internacional do talento e creatividade desa Galicia Calidade que merece ser coñecida e difundida polo mundo”. Neste senso, subliñou o compromiso do Goberno galego con este sector, a través das liñas de axudas específicas para favorecer a presenza de galerías e artistas e mercados de arte, sobre as que avanzou que contarán cunha nova convocatoria en primavera e que, precisamente, tamén poderán ser solicitadas polas galerías que están participando nas citas desta fin de semana en Madrid.
Ao respecto, puxo en valor que, na última convocatoria, a Xunta destinou 104.000 euros a este apoio, que foron dirixidas a un total de 11 galerías galegas para participar en citas en Miami, París, Madrid, Lisboa ou Seúl, entre outras. Estas achegas súmanse, segundo precisou, ao convenio anual que a Administración autonómica mantén coa asociación de galerías de arte contemporánea para apoiar a creatividade no eido das artes visuais.
Participación de tres galerías galegas
Tras visitar na xornada de hoxe o expositor da Galería Nordés, da Coruña, na feria ARCOmadrid, cita na que Anxo M. Lorenzo tamén asistiu á presentación da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, mañá sábado, o director xeral de Cultura achegarase á feira Art Madrid. Este encontro celebra a súa 21ª edición e conta coa representación galega das galerías Luisa Pita e Medro, ambas as dúas de Santiago de Compostela, a Galería MoretArt, da Coruña. Ademais, completará este percorrido coa visita á feira CAN Art, para coñecer o expositor da compostelá Galería 30.
