Nova: A Xunta fomenta a visibilidade do audiovisual galego cun novo convenio de 70.000€ para a organización dos XXIV Premios Mestre Mateo

09/03/2026

A Xunta fomenta a visibilidade do audiovisual galego cun novo convenio de 70.000€ para a organización dos XXIV Premios Mestre Mateo

O Consello autoriza a sinatura do acordo de colaboración coa Academia Galega do Audiovisual para o desenvolvemento destes galardóns mantendo a mesma achega que en 2025

Entregaranse o vindeiro 21 de marzo en Lugo nunha gala presentada pola actriz Trisha Fernández e o cómico Federico Pérez

As catro longametraxes finalistas, así como varias das curtas e documentais, contaron para a súa realización con subvención do Goberno galego no marco do programa anual de axudas ao sector

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do convenio anual entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e a Academia Galega do Audiovisual, en virtude do que o Goberno autonómico renova a súa contribución de 70.000 euros para a organización da 24ª edición dos Premios Mestre Mateo. A dotación desta colaboración mantense na mesma cifra que o pasado 2025, ano no que incrementara nun 16% respecto a 2024.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa así co apoio a estes galardóns e ao seu papel como plataforma que dota de gran visibilidade ao mellor da produción galega máis recente e que permite compartir coa sociedade a capacidade e calidade dun sector que está a obter tamén numerosos recoñecementos a nivel internacional. Convocados pola Academia Galega do Audiovisual, colectivo que agrupa máis de 450 profesionais de diferentes ámbitos artísticos e técnicos da industria, estes recoñecementos poñen o foco nos máis destacados traballos de 2025 en 25 categorías, ademais de levar a cabo diferentes actividades previas de difusión, tales como proxeccións e coloquios.

Novidades en 2026

A cidade de Lugo acollerá por vez primeira a cerimonia de entrega dos Mestre Mateo, que terá lugar no Auditorio Fuxan os Ventos nunha gala dirixida pola realizadora Marta Arévalo. A presentación correrá a cargo da actriz Trisha Fernández e mais o cómico Federico Pérez, en tanto que Mondra será quen poña a música en directo. Durante o acto tamén recibirá o galardón de honra Fernando Rey a lingüista e tradutora Rosa Moledo.

A convocatoria de 2026 inclúe dúas novidades de contido, como son o I Premio Especial do Público, que leva o apoio específico da marca da Xunta, Galicia Calidade, para que a audiencia poida votar pola súa película favorita entre as catro longas finalistas. Tamén se ofrecerá por vez primeira un espectáculo en directo desde outro escenario do propio Fuxan os Ventos. Esta función especial será presentada polo cómico Rafa Durán.

Reflexo do apoio autonómico

Este ano, todas as obras que concorren a Mellor longametraxe de ficción: Antes de nós, Sirat, As liñas descontinuas e San Simón, contaron para a súa realización con subvención da Xunta de Galicia a través das liñas anuais de axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais. Tamén chegaron ás pantallas co apoio do Goberno galego moitos dos títulos presentes como finalistas noutras categorías: as curtametraxes Abellón, Adeus Berta, Algo novo que contar, Lucus e O corpo de cristo; a serie de televisión Bibopalula, ou os documentais 360 curvas, Deuses de pedra e O silencio herdado.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén unha estreita relación de colaboración e diálogo cos principais colectivos profesionais representativos dos diferentes ámbitos que conforman as industrias culturais. Neste contexto, contribúese economicamente a organización de galardóns sectoriais pola súa función de altofalante da calidade e riqueza das empresas culturais e artistas do país. É o caso dos Premios Mestre Mateo do audiovisual, pero tamén dos María Casares de teatro que desenvolve a Asociación de Actores e Actrices de Galicia e os Martín Códax da asociación Músicas ao Vivo. A esta terna de convocatorias únese desde novembro de 2025 a dos I Premios da Industria Musical de Galicia organizados pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) coa colaboración, así mesmo, da Axencia Galega das Industrias Culturais.

A cooperación coa Academia Galega do Audiovisual insírese no programa de apoio a este sector que a Xunta de Galicia leva a cabo e cuxo eixe central son as convocatorias anuais de subvencións, que abranguen as diferentes etapas do proceso cinematográfico, desde a creación ata a distribución. Para o presente 2026 está previsto o lanzamento de oito liñas dirixidas ao sector audiovisual cun orzamento global de máis de 6,7 millóns de euros, das que tres están xa convocadas (produción/coprodución, festivais e promoción do talento).

 

Comparte