Nova: A Xunta programa actividades lúdicas ao redor do potencial artístico e creativo do xogo na Cidade da Cultura
08/03/2026
A Xunta programa actividades lúdicas ao redor do potencial artístico e creativo do xogo na Cidade da Cultura
‘Gaiás en xogo’ ofrecerá propostas para a rapazada de entre 0 e 12 anos ao longo de toda a xornada do sábado 14 de marzo, con acceso gratuíto
A iniciativa inclúe desde instalacións sensoriais e arquitecturas inchables ata obradoiros creativos de experimentación artística
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia programará unha xornada lúdica na Cidade da Cultura arredor do potencial artístico e creativo do xogo. Será o vindeiro sábado 14 de marzo cando, ao longo de toda a xornada, se desenvolverá no Museo Centro Gaiás un amplo abano de actividades que inclúen desde instalacións sensoriais e arquitecturas inchables ata obradoiros creativos de experimentación artística.
Así, baixo o título Gaiás en xogo, esta iniciativa, que nace con vontade de consolidarse como unha cita imprescindible da oferta familiar da cidade da Cultura, arrancará ás 11,00 horas con propostas para a rapazada de 0 a 12 anos. Trátase dunha programación de acceso libre, aínda que algunhas das accións requiren inscrición previa, que convida a construír, imaxinar, investigar e divertirse, ofrecendo á infancia un territorio seguro e estimulante no que se potencia a creatividade e as experiencias significativas.
En concreto, a axenda para esta xornada inclúe propostas desenvolvidas por compañías e artistas de Bélxica, Cataluña, Madrid ou Galicia como, por exemplo, a instalación artística de gran formato Playscape deluxe, un proxecto da artista belga Cathy Bertel a partir de grandes pelotas inchables recubertas de fíos e cordas de cores, tecidas coa técnica do gancho. Xérase así unha superficie de 70 m2 na que a rapazada de 1 a 6 anos de idade pode saltar, rebotar e descubrir as formas e personaxes que se agochan neste sorprendente “castelo de aventuras”.
Ademais, os máis pequenos contarán cunha instalación sensorial especialmente deseñada para eles, A gorida dos sentidos, unha actividade a medio camiño entre as artes plásticas e escénicas onde as almofadas roncan e cantan e diferentes materiais, texturas e olores se transforman en niños de aves estrañas. Un espazo para ser compartido en familia, inspirado na idea do niño como refuxio, que foi recoñecido nos premios FETÉN 2024 outorgados pola Feira Europea de Artes Escénicas para Nenos e Nenas de Xixón.
Obradoiros para crear e experimentar
A programación compleméntase con obradoiros creativos nos que nenos e nenas transformarán colectivamente o espazo do Museo. Por unha banda, poderán crear e pintar grandes estruturas de letras a partir de cartón reciclado no obradoiro Empaquetados, que conta co monitorado de Basurama, un colectivo internacional dedicado á investigación e creación no ámbito cultural e ambiental, con especial atención á reutilización de materiais e aos procesos de transformación do espazo público.
Ademais, tamén poderán experimentar coas posibilidades da arquitectura inchable no obradoiro Construír con aire, da man da arquitecta afincada na Coruña Nuria Prieto. Nesta actividade, as familias aprenderán a construír un túnel-refuxio onde, só con plástico reutilizado, cinta adhesiva e o aire dun ventilador, se crea un divertido espazo aberto ao xogo espontáneo e á arte —podendo ademais pintar e decorar libremente parte da estrutura—.
As posibilidades artísticas dos obxectos cotiás son a base tamén da proposta Binomios creativos, un proxecto do estudio vigués Arte y Garabato, que aposta pola creación espontánea e pola segunda vida de trebellos comúns —desde peites a anacos sobrantes de madeira— que se converten en portadores de beleza, capaces de estimular a reflexión e a creatividade.
Por último, ofrecerase tamén un grande espazo de experimentación libre onde convivirán mantas e cubos sensoriais, pezas para construción libre, xogos tradicionais galegos e doutros recantos do mundo, e opcións para pór a proba a habilidade e a coordinación: desde malabares, a zancos, aros, ou un jenga xigante.



