Nova: Ana Isabel Vázquez destaca “a importancia de tecer redes” para levar proxectos do Gaiás a outros espazos

05/03/2026

Ana Isabel Vázquez destaca “a importancia de tecer redes” para levar proxectos do Gaiás a outros espazos

A exposición, organizada pola Xunta de Galicia e Afundación, recolle medio cento de instantáneas que un dos grandes documentalistas da Europa do século XX fixo durante as súas viaxes á Comunidade

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reafirma a súa aposta polo programa de itinerancias expositivas a outras localidades

Incluída no programa ‘As exposicións de 2026 como motor da Galicia Calidade’, poderá verse ata o vindeiro 23 de maio en Ferrol tras o seu paso polo Museo Gaiás, Vigo e Lugo

Ferrol, 5 de marzo de 2025

A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, inaugurou hoxe na sede de Afundación en Ferrol a exposición Nicolás Muller en Galicia. Deste xeito, a mostra xestada no Gaiás continúa así o seu percorrido por Galicia tras o seu paso por Santiago, Vigo e Lugo no marco do programa de itinerancias que fomenta a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Así, a representante da Xunta destacou durante o acto “a importancia de tecer redes con organizacións que traballan para espallar proxectos desta índole por todo o territorio como é Afundación”. Deste xeito,  tal e como explicou, a mostra reúne medio cento de instantáneas que un dos grandes documentalistas da Europa do século XX tirou durante as súas viaxes á Comunidade, facendo fincapé “no gran valor documental da obra de muller, que retrata a Galicia dos anos 60 cunha fonda mirada humanista”.

Ademais, Ana Isabel Vázquez apuntou que a exposición ofrece 34 imaxes que non foran expostas nin publicadas antes da creación desta proposta itinerante, entre elas 3 fotografías que Muller captou durante a súa estancia en Ferrol e que proveñen do Archivo Regional de la Comunidad de Madrid. Tamén se inclúe un audiovisual que contextualiza a figura do autor desde unha óptica actual, destacando a relevancia do seu traballo para achegarnos ao noso pasado e comprendernos como sociedade.

A exposición, organizada pola Xunta de Galicia e Afundación, poderá visitarse ata o 23 de maio. A mostra nace a raíz do proxecto Nicolás Muller. Vento Norte, que acolleu o Museo Centro Gaiás en 2023, comisariado polo tamén fotógrafo José Ferrero, e que visitaron máis de 14.000 persoas. Tras a súa boa acollida, adaptouse a mostra para levala a outros espazos como foron o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, e a sede de Afundación  en Lugo, chegando agora a Ferrol.

O foco posto nas persoas

Nicolás Muller (Orosháza, Hungría, 1913 – Llanes, Asturias, 2000) é considerado un dos grandes fotógrafos documentais do pasado século. Viaxou ao norte da península por un encargo da editorial Clave, que lle pedira a creación de instantáneas para unha serie de libros que debían amosar unha imaxe moderna de España. O seu obxectivo era romper o illamento do país e, ao mesmo tempo, tornalo atractivo para o turismo e o investimento estranxeiro. Con todo, as fotografías de Muller reflicten unha fonda ollada humanista, centrándose nas xentes traballadoras, as mulleres e os nenos.

 

Nicolás Muller en Galicia é unha das 70 propostas incluídas no programa As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade coas que a Xunta de Galicia busca fomentar o acceso á cultura e contribuír á formación da cidadanía.

Comparte