Nova: O espectáculo de circo do Centro Dramático Galego 'A serie clopen' acada 10 candidaturas aos premios de teatro María Casares
05/03/2026
O espectáculo de circo do Centro Dramático Galego 'A serie clopen' acada 10 candidaturas aos premios de teatro María Casares
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026.- A serie clopen, primeiro espectáculo de circo producido polo Centro Dramático Galego, resultou finalista en 10 das 16 categorías na 30ª edición dos Premios de Teatro María Casares que organiza cada ano a Asociación de Actores e Actrices de Galicia co apoio da Xunta. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo no encontro celebrado no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, no que os profesionais nomeados recibiron cadanseus diplomas acreditativos.
En concreto, A serie clopen opta a mellor espectáculo, dirección (Pablo Reboleiro), dirección de movemento (Marta Alonso Tejada), actriz protagonista (Natalia "Pajarito"), texto orixinal (Clara Gayo e Pablo Reboleiro), espazo sonoro (Marcos PTT e Xosé Lois Romero), iluminación (Laura Iturralde), espazo escénico (Laura Iturralde e José Faro), vestiario (Carlos Alonso) e maquillaxe (Erea Pérez). A gala de entrega de premios terá lugar o vindeiro 8 de abril no Teatro Rosalía da Coruña.
