Nova: Belén do Campo asiste á clausura do Día das Artes Galegas 2025 dedicado a Isaac Díaz Pardo organizado pola Real Academia de Belas Artes
04/03/2026
Belén do Campo asiste á clausura do Día das Artes Galegas 2025 dedicado a Isaac Díaz Pardo organizado pola Real Academia de Belas Artes
A Coruña, 4 de marzo de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu esta tarde ao acto de clausura do Día das Artes Galegas 2025, organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes na cidade da A Coruña, e que puxo o ramo a un ano de homenaxes dedicadas á figura de Isaac Díaz Pardo.
A representante do Goberno galego subliñou que esta clausura “non é só o peche dun calendario de actividades, senón a culminación dun percorrido colectivo de memoria, reflexión e compromiso coa nosa cultura”. A delegada puxo en valor o amplo programa desenvolvido ao longo do ano, que comezou coa exposición A barca de Caronte no Museo de Belas Artes da Coruña e que incluíu simposios, conferencias, publicacións e iniciativas divulgativas dirixidas á comunidade educativa.
A delegada incidiu na dimensión artística e intelectual de Isaac Díaz Pardo, ao que definiu como “un creador total que entendeu a arte como unha ferramenta de construción identitaria”. Así mesmo, destacou a súa decisión de poñer a súa creatividade ao servizo dun proxecto colectivo coa recuperación de Sargadelos, convertendo esta iniciativa nun símbolo da identidade contemporánea de Galicia.
Belén do Campo fixo un chamamento a continuar o seu exemplo, apostando polo diálogo e polo traballo conxunto en defensa da lingua e da cultura galegas, co obxectivo de garantir a súa transmisión ás novas xeracións.



