Nova: A Xunta apoia a III edición de Dancingalicia que reunirá a preto de 1.200 bailaríns en Pontevedra

03/03/2026

A Xunta apoia a III edición de Dancingalicia que reunirá a preto de 1.200 bailaríns en Pontevedra

O delegado territorial e o director xeral de cultura participaron na presentación do evento e destacaron a importancia de apoiar as iniciativas culturais que se desenvolven en Galicia

O evento terá lugar este día 8 de marzo no auditorio Afundación

Pontevedra, 3 de marzo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participaron esta mañá na presentación da terceira edición de Dancingalicia, o campionato multidisciplinar de danza que se celebrará o vindeiro 8 de marzo no Auditorio Afundación de Pontevedra.

Durante o acto, os representantes autonómicos destacaron a importancia de apoiar iniciativas culturais que fomenten o talento novo e contribúan á dinamización cultural e económica do territorio. O evento reunirá a arredor de 1.200 participantes procedentes de distintos puntos do país, consolidando o crecemento sostido do campionato, que nas edicións anteriores contou con 900 bailaríns e preto de 1.000 asistentes.

Dancingalicia está aberto a grupos, solistas, dúos e tríos a partir dos 4 anos e abrangue diferentes disciplinas, entre elas a danza clásica —ballet clásico, neoclásico e repertorio—, lírica —danza contemporánea, lírica e jazz lírico—, fusión —que integra estilos como jazz, show-dance e baile moderno— e acro, modalidade na que predominan os elementos acrobáticos dentro da composición coreográfica.

O delegado territorial puxo en valor o carácter familiar e integrador do campionato, que atrae tanto a público local e autonómico como a escolas e profesionais da danza, converténdose nun punto de encontro para o sector. Pola súa banda, o director xeral de Cultura salientou que este tipo de iniciativas “contribúen a fortalecer a cultura da danza en Galicia, ofrecendo unha plataforma de exhibición e promoción para coreógrafos e bailaríns, ao tempo que xeran novas oportunidades de formación”.

A organización prevé que a edición de 2026 supere as cifras de participación e asistencia de anos anteriores, reforzando o posicionamento de Pontevedra como escenario de grandes eventos culturais e artísticos.

Dancingalicia promove a creatividade, o talento e a paixón pola danza, ofrecendo ademais bolsas de formación en conservatorios profesionais e escolas de prestixio, co obxectivo de impulsar o desenvolvemento artístico dos participantes e fomentar a colaboración entre o tecido empresarial e o sector cultural.

Comparte