Nova: A Xunta destina 150.000 € a impulsar as traxectorias musicais de 10 artistas ou grupos no eido profesional

02/03/2026

A Xunta destina 150.000 € a impulsar as traxectorias musicais de 10 artistas ou grupos no eido profesional

  • O Consello autoriza a nova convocatoria que lle dá continuidade á liña que naceu en 2025 para o fomento da creación, produción, promoción e difusión musical, presentados por   empresas de ‘management’ ou edición fonográfica
  • Cada proposta poderá recibir ata 15.000 euros para gastos de imaxe de marca, estudos de mercado e estratexia ou gravación e distribución fonográfica

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2026.- O Consello da Xunta aprobou hoxe as novas bases da liña de subvencións para 2026 destinada a proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical, a través da que se investirán 150.000 euros para impulsar as traxectorias de 10 artistas e grupos que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia e dentro do eido profesional.

A convocatoria, coa que se lle dá continuidade a esta vía de apoio nacida en 2025 inserida no programa de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten como obxectivo promover o talento musical galego, ao tempo que consolidar a cadea de valor desta industria cultural. Busca tamén favorecer a calidade dos proxectos, a profesionalización, a modernización e a internacionalización, co foco posto no uso das novas tecnoloxías e a dixitalización.

Valor socioeconómico e estratéxico

O Goberno galego recoñece así o gran valor socioeconómico e estratéxico da industria musical, a súa capacidade para xerar produtividade de xeito transversal a outras industrias vinculadas, xa que para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, valoraranse as traxectorias da empresa e da formación musical para a que se solicita a axuda, así como o uso do galego ou a presenza feminina en postos relevantes do proxecto, entre outros aspectos.

Poderán optar a estas axudas empresas galegas (pemes e persoas traballadoras autónomas) que se dediquen ao management artístico ou á edición fonográfica para impulsar ou a consolidación dos artistas e bandas que representan a través de calquera dos ámbitos do proceso musical.

O texto elevado ao Consello da Xunta mantén os termos esenciais da mesma convocatoria de 2025: establécese unha axuda máxima de 15.000 euros por proposta, cunha intensidade de ata o 75% do orzamento subvencionable, de xeito que poidan cofinanciarse, cando menos, 10 proxectos.

Para proxectos ata maio de 2027

A través da convocatoria de 2026 subvencionaranse gastos realizados entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 31 de maio de 2027 que teñan que ver coa creación, consolidación ou impulso da imaxe de marca do artista ou banda, os estudos de mercado e as estratexias de posicionamento, a concepción, o lanzamento e a presentación dun novo produto musical, os labores de promoción, ou a gravación e distribución de traballos discográficos. Tamén os gastos de deseño de accións no marco da Axenda 2030 para a aplicación de obxectivos de desenvolvemento sostible en conexión cos valores de igualdade, paridade, diversidade e accesibilidade.

A Xunta asume estas novas axudas por segundo ano consecutivo con fondos propios, tras unha convocatoria anterior publicada en 2022 ao abeiro do Hub Audiovisual Industria Cultural Galega con financiamento no programa Feder dentro do eixo React-UE.

A convocatoria de 2025 deu como resultado o impulso de 12 artistas e bandas galegas. Foron, en concreto, as propostas dos lanzamentos de A Banda da Loba, Alana, Crúas, De Ninghures, Fillas de Cassandra, Filloas, Grande Amore, Leticia Rey, marcos Coll, Mondra, Pablo Sanmamed e Sabela.

Comparte