Nova: A Xunta abre mañá o prazo de inscrición para a nova edición da residencia literaria San Simón

01/03/2026

A Xunta abre mañá o prazo de inscrición para a nova edición da residencia literaria San Simón

A convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, con 24 prazas, ten por obxectivo promover a creación escrita en lingua galega

A proposta está destinada a persoas maiores de 18 anos que se dediquen a calquera xénero, como a narrativa, o ensaio, a poesía, o teatro ou banda deseñada

Entre o 2023 e o 2025 participaron nesta actividade un total de 60 persoas e foron publicadas 12 obras

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia abre mañá, 2 de marzo, o prazo para inscribirse na nova edición da Residencia de Creación Literaria Illa de San Simón, que conta con 24 prazas destinadas a impulsar e promover a creación en galego a través do apoio aos escritores e escritoras, poñendo ao seu dispor un espazo, un ambiente e unhas condicións óptimas para a enteira dedicación aos seus proxectos.

Con esta convocatoria, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude segue apostar por darlle continuidade a esta actividade dirixida a persoas maiores de 18 anos que desenvolvan unha proposta creativa en lingua galega en calquera xénero, xa sexa narrativa, ensaio, poesía, teatro ou banda deseñada, entre outras. Así, os participantes terán ao seu dispor os bens e servizos necesarios para o desenvolvemento do seu proxecto, contando con aloxamento e espazo de traballo propio.

As estadías, que deberán ser como mínimo dunha semana e como máximo dunha quincena, desenvolveranse este ano en tres quendas: unha do 15 ao 28 de xuño, outra do 28 de setembro ao 11 de outubro, e a última do 13 ao 25 de outubro.

Cómpre lembrar que nas anteriores edicións, entre o 2023 e o 2025, foron 60 as persoas que participaron nesta residencia, con 12 obras publicadas impulsadas ao abeiro da iniciativa.

Solicitudes ata o 31 de marzo

Os interesados en participar poderán presentar as súas solicitudes ata o 31 de marzo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tan só se poderá incluír unha única candidatura acompañada dun documento, de máximo 10 páxinas, que deberá contar a explicación do proxecto de creación literaria que desenvolverán na residencia, xénero, idioma da obra, currículo do aspirante, expediente artístico e a carta de motivación, entre outros detalles que se poden consultar nas bases

Comparte