Nova: A Xunta e a Academia Audiovisual anuncian a concesión do Premio de Honra dos Mestre Mateo á lingüista Rosa Moledo
26/02/2026
A Xunta e a Academia Audiovisual anuncian a concesión do Premio de Honra dos Mestre Mateo á lingüista Rosa Moledo
Seralle entregado o 21 de marzo en Lugo durante a gala da 24ª edición dos galardóns organizados co apoio da Xunta
Cunha traxectoria profesional de máis de 30 anos, Moledo é especialista en tradución audiovisual e asesoramento lingüístico
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2026.- A asesora lingüística e tradutora Rosa Moledo é a persoa galardoada este ano co Premio de Honra Fernando Rey dos XXIV Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego pola súa achega fundamental á calidade das producións de cine, televisión e plataformas. Así o anunciaron hoxe, nun acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e as presidenta e vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga e Carmen Méndez, respectivamente.
O galardón, que leva o nome do afamado actor coruñés, seralle entregado o vindeiro 21 de marzo no auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, durante a celebración da gala dos Premios, unha cita que conta un ano máis co apoio da Xunta de GAlicia pola súa transcendencia para a promoción e a visibilidade do sector audiovisual e dos seus profesionais.
Na súa intervención, Jacobo Sutil, expresou os parabéns do Goberno galego a Rosa Moledo, á que puxo como exemplo da posta en valor “dun traballo que queda tras das cámaras pero que é esencial na construción dos personaxes”, así como á directiva da Academia Galega do Audiovisual pola súa “dedicación constante a prol do avance do sector”.
Incentivo e escaparate
O director de Industrias Culturais feriuse aos Mestre Mateo como unha referencia que prestixia todo o audiovisual no seu conxunto, que o fai medrar ao tempo que serve de incentivo e de escaparate para os mellores traballos de toda a profesión. “Comprobar, unha vez máis, como a maioría de títulos que chegan á recta final nas principais categorías se corresponden con proxectos que contaron co apoio do programa de subvencións que cada ano mantemos na Xunta de Galicia nos fai sentir dobremente satisfeitos”, engadiu.
Neste sentido, deixou testemuño da acción da Xunta para continuar a apoiar a produción audiovisual galega, este ano mediante a canalización de máis de 6,7 millóns de euros en distintas liñas destinadas a incidir desde a creación ata a distribución, e para promover a Galicia como o gran plató capaz de albergar grandes proxectos internacionais.
Labor constante e rigoroso en cine, televisión e teatro
A Academia fundamentou a súa concesión “no labor constante, rigoroso e profundamente comprometido de Rosa Moledo, unha traxectoria que contribuíu de maneira decisiva á dignificación do galego e á súa presenza nos ámbitos cultural e audiovisual”. Tamén se destacou a ampla experiencia de Moledo en cine, televisión e teatro, “un compromiso firme coa lingua e coa cultura do país e que constitúe un legado imprescindible para as xeracións presentes e futuras”.
Ao longo da súa carreira, Moledo participou na tradución e adaptación lingüística de numerosas obras audiovisuais para cinema, televisión e plataformas, entre as que se atopan títulos como A lingua das bolboretas, Os luns ao sol, O lapis do carpinteiro, Cela 211, Engurras, Os Fenómenos, O noso último verán en Escocia, Lupin ou Beauty, entre moitos outros.
Desenvolveu tamén unha ampla labor como asesora e supervisora lingüística en sesións de dobraxe e en rodaxes de ficción e programas de entretemento, participando en proxectos como Mareas Vivas, 4º sen ascensor, A familia Pita, Fariña, O caso Asunta, Rondallas ou Con perdón.
Desde o ano 2017 é asesora lingüística do Centro Dramático Galego, onde tamén coordina e revisa os textos das producións para a súa publicación. No ámbito das artes escénicas, realizou labores de asesoramento lingüístico e revisión de textos en montaxes como Poeta en Nova York, de Teatro Baixo da Area; Os nenos da varíola, de Pérez & Fernández; e As que limpan, de A Panadería, da que tamén realizou a tradución ao castelán. Así mesmo, impartiu diversos talleres e obradoiros relacionados coa lingua e a interpretación.
