Nova: A Xunta destina 1 M€ para a conservación da muralla de Lugo no bienio 2026-2027
25/02/2026
A Xunta destina 1 M€ para a conservación da muralla de Lugo no bienio 2026-2027
López Campos explica que o Goberno galego “está executar a bo ritmo e no marco do calendario previsto” as obras de recuperación do tramo derrubado recentemente
O responsable autonómico de patrimonio lembra que “a reacción foi inmediata” e destaca a achega de 150.000€ para a reconstrución do tramo afectado
Desde o recoñecemento da Unesco, no ano 2000, o Executivo destinou a este ben máis de 10 M€ en intervencións de consolidación e restauración
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia destinará 1M€ para realizar actuacións de conservación na muralla romana de Lugo durante o bienio 2026-2027. Así o avanzou hoxe no Parlamento o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, onde respondeu unha pregunta no Pleno relacionada na que puxo en valor o compromiso do Goberno galego co mantemento deste ben e informou sobre as recentes actuacións para reparar os danos provocados polas fortes precipitacións.
O responsable autonómico de patrimonio explicou que o Goberno galego está a executar “a bo ritmo e no marco do calendario previsto” as obras para recuperar e reconstruír o tramo entre as portas do Carme e a de Santiago afectado polas intensas choivas. “A reacción da Xunta de Galicia foi inmediata cun técnico da Dirección xeral de Patrimonio Cultural visitando a zona nesa mesma noite”, apuntou o conselleiro antes de engadir que “en menos de 48 horas os equipos xa estaban traballando no lugar”.
Neste senso, López Campos lembrou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 150.000€ para “levar a cabo as actuacións precisas para preservar a conservación da muralla”. En concreto, as obras que están actualmente en marcha esténdense ata os 12 metros para actuar tamén en parte do cubo XVI, seguindo as recomendacións feitas polos técnicos tras avaliar a afectación do ben.
Por outro lado, en relación as actuación de conservación que se realizarán no futuro, e que contan cun investimento de 1M€ ata 2027, López Campos precisou que se deseñarán seguindo o Plan de Conservación e Xestión e aproveitando a monitorización feita ao abeiro desta folla de ruta que fixa o marco de orientación para as diversas actuacións e axentes implicados na protección e difusión dos valores culturais da Muralla.
Máis de 10 M€ investidos desde o ano 2000
Tal e como destacou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, desde a declaración de Patrimonio da Humanidade, no ano 2000, a Xunta de Galicia leva investidos máis de 10M€ neste monumento. No marco destes investimentos, ademais da restauración dos diversos cubos, destacan nos últimos anos as obras de rehabilitación na Porta Miñá ou a instalación dun ascensor de acceso ao adarve, xunto aos xardíns da Deputación, que melloraron a accesibilidade e a posta de valor do monumento para o goce da veciñanza.
Cómpre lembrar que durante estes 25 anos, a través das continuas intervencións de mantemento e restauración sobre o monumento, o Goberno galego conseguiu conservar as fábricas romanas e manter o equilibrio coa biodiversidade da muralla, logrando que o ben se manteña limpo, sexa accesible e estea nas mellores condicións de conservación.

