Nova: Rueda destaca o valor da cultura como motor de Galicia e apela ao seu papel protagonista no Xacobeo 2027
24/02/2026
Rueda destaca o valor da cultura como motor de Galicia e apela ao seu papel protagonista no Xacobeo 2027
Pon en valor a figura e xenerosidade do artista ourensán, un “enorme escultor que é universal pero sobre todo é galego"
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o valor da cultura como motor de Galicia a nivel social e económico, e fixo fincapé en que o sector está chamado a ter un papel protagonista no Xacobeo 2027.
Así o sinalou esta tarde na inauguración, no Museo das Peregrinacións, da exposición Bosquexos para Mateo do escultor galego, Acisclo Manzano. No acto estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Alí, o titular do Executivo galego puxo en valor a figura e “xenerosidade” deste artista ourensán, un “enorme escultor que é universal pero sobre todo é galego", recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras, e animou a visitar esta mostra, que ofrece unha reinterpretación do Pórtico da Gloria do Mestre Mateo.
Na súa intervención, Rueda avanzou que a Xunta xa traballa en preparar un Ano Santo histórico, no que a arte teña un papel protagonista, xa que “fala de nós e é parte da nosa marca de país, marca de Galicia Calidade”.
O sector cultural representa o 3% do PIB galego, xera uns 35.000 empregos e conta nos orzamentos de 2026 con 110 millóns de euros. Neste sentido, o presidente salientou que máis de 630.000persoas visitaron algún dos espazos da rede de museos da Xunta durante 2025, o que considerou “un magnífico síntoma”.






