Nova: A Xunta e o Colexio de Arquitectos de Galicia colaborarán para resolver dúbidas da modificación da Lei de patrimonio cultural
24/02/2026
A Xunta e o Colexio de Arquitectos de Galicia colaborarán para resolver dúbidas da modificación da Lei de patrimonio cultural
López Campos reitera a disposición do Goberno galego de asumir a tramitación e xestión de expedientes dos concellos que así llo soliciten
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia colaborarán para resolver dúbidas que lles xurdan aos concellos sobre a modificación da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia. Así o acordaron na reunión mantida entre o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya, na que tamén estivo presente o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.
Neste encontro, o responsable de Cultura do Goberno galego explicou que, cos cambios nesta normativa, a Xunta procura axilizar e desburocratizar os tramites sen que iso supoña unha menor protección para a conservación dos bens patrimoniais de Galicia. Para López Campos, estes avances “supoñen un axilización nos trámites e unha solución idónea para a maioría dos expedientes que chegan á Dirección Xeral de Patrimonio”.
En calquera caso, insistiu en que, a responsable última seguirá a ser a Administración autonómica, “polo que os concellos poden saber que contan co noso apoio en caso de necesidade”. Deste xeito, reiterou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude seguirá asumindo a elaboración daqueles informes que non poidan ser emitidos desde os concellos, xa sexa por carecer de arquitectos ou pola inexistencia dun catalogo de patrimonio municipal actualizado.
Consecuentemente, López Campos anunciou que, en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia, vaise traballar na preparación de accións formativas en todo o territorio galego, que permitan a arquitectos e arquitectas municipais poder mellorar os informes de patrimonio así como establecer criterios harmonizados coa Dirección Xeral de Patrimonio.
Do mesmo xeito, o conselleiro trasladoulle a esta entidade o interese do seu departamento en elaborar unha revisión e ampliación do Catalogo de Patrimonio Cultural de Galicia, que actualmente se atopa en preparación das bases e para a que pretende contar coa participación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
Finalmente, na reunión tamén se abordou a situación dos arquitectos e arquitectas a cargo da Dirección Xeral de Patrimonio, de xeito que se poidan realizar accións de cara a súa estabilidade, esencial para a axilización da emisión dos informes e para realizar unha axeitada defensa do Patrimonio.
