Nova: A Xunta aproba a integración do Museo do Real Club Deportivo da Coruña no Sistema Galego de Museos
23/02/2026
A Xunta aproba a integración do Museo do Real Club Deportivo da Coruña no Sistema Galego de Museos
O Consello do Executivo autonómico dá luz verde a esta incorporación por concibirse como un espazo cultural, patrimonial e educativo ao redor da historia da entidade
Convértese no primeiro de carácter deportivo que se suma a esta rede da que, actualmente, forman parte 98 espazos en toda a Comunidade
A colección do museo componse de máis de 200 pezas que forman parte do discurso expositivo inicial e de 2.000 obxectos de distinta natureza como trofeos, indumentarias, fotografías ou material audiovisual
A Xunta de Galicia incorporará o Museo do Real Club Deportivo no seu Sistema Galego de Centros Museísticos, a rede impulsada polo Goberno galego e que aglutina museos, coleccións e centros de interpretación tanto de titularidade pública como de outras administracións ou entidades privadas para fomentar a coordinación, conservación e difusión do seu patrimonio.
Así se acordou hoxe no Consello da Xunta, onde se recoñece que este espazo, o primeiro de carácter deportivo que se integra neste rede, está concibido como un espazo cultural, patrimonial e educativo destinado a conservación, preservación, promoción e difusión da historia do Club Deportivo da Coruña, así como para dar a coñecer a súa influencia social e cultural ao longo do tempo.
Deste xeito, o Museo do Real Club Deportivo gozará do recoñecemento que supón estar baixo o paraugas deste sistema, contando coa garantía de que cumpre con todos os requisitos en canto a instalacións, horarios de apertura, seguridade e plan museolóxico, o documento que recolle todos os programas necesarios para o desenvolvemento do centro a nivel organizativo, expositivo e de difusión, podendo, ademais, acceder a convocatorias de axudas específicas para museos, entre outras vantaxes.
Dimensión deportiva, humana e social
O obxectivo do Museo do Real Club Deportivo é achegar os e as visitantes á dimensión deportiva, humana e social dun club que nace en 1906 e reflectir como, ao longo da súa historia, ten un impacto moi importante máis aló da cidade da Coruña. A súa creación responde á vontade da entidade de poñer en valor o seu patrimonio material e inmaterial, xerando un espazo de encontro entre o deporte, a memoria colectiva e a cultura contemporánea. Polo tanto, aspira a consolidarse como un lugar de referencia para a cidade da Coruña, á vez que ofrecer á cidadanía un novo lugar de encontro, lecer e convivencia.
A colección museística, componse de máis de 200 pezas que forman parte do discurso expositivo inicial e que se suman a outros 2.000 obxectos de distinta natureza. Trátase de trofeos, indumentarias, documentos, fotografías, xornais, material audiovisual, obxectos de xogadores, técnicos e afeccionados, así como testemuños orais e dixitais que ilustran a historia do Real Club Deportivo e do seu papel dentro do deporte e da sociedade galega. Ao mesmo tempo, permiten ver a evolución histórica, tanto do club, como da súa afección.
A inclusión do Museo do Real Club Deportivo suporá contar en Galicia cunha rede de 98 espazos recoñecidos, entre os que se atopan catro centros de interpretación do patrimonio cultural: o da Fundación Legar en Quiroga, o da Torre de Hércules, na Coruña, e o do Muíño do Pan de Baamonde, e o complexo dos Muiños de Xuvia, en Narón. A eles únense 23 coleccións rexistradas —aquelas que cumpren con criterios museográficos sen chegar reunir os requisitos propios para funcionar como un museo— e 70 museos, completando deste xeito as tres categorías contempladas pola Lei de Museos 7/2021.
