Nova: A Xunta inicia a tramitación do anteproxecto da nova Lei de bibliotecas e do patrimonio bibliográfico para adaptar o servizo ás demandas da sociedade actual
23/02/2026
A Xunta inicia a tramitación do anteproxecto da nova Lei de bibliotecas e do patrimonio bibliográfico para adaptar o servizo ás demandas da sociedade actual
O Consello dá luz verde a este procedemento para contar cunha normativa que teña en conta os cambios sociais, a dixitalización e a aparición da Intelixencia Artificial
Inclúe a protección e conservación da produción bibliográfica, sonora, visual, audiovisual e dixital, realizada ou editada na Comunidade, excluída na actual normativa
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude prevé que poida iniciarse a súa tramitación parlamentaria a finais deste mesmo ano
De xeito paralelo o seu desenvolvemento, o Goberno galego porá en marcha o Plan de Dinamización da Lectura con 115 medidas ata 2029 dotadas con 60M€
O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao inicio da tramitación do anteproxecto da nova Lei de bibliotecas e do patrimonio bibliográfico de Galicia, coa que o Goberno galego busca actualizar e adaptar a regulación destes centros á realidade actual, tendo en conta os cambios sociais na xestión de información derivados da sociedade do coñecemento, da dixitalización e da Intelixencia Artificial.
Ademais, a nova normativa que comeza a tramitar a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude terá como unha das súas principais novidades a incorporación da regulación, protección e conservación da produción bibliográfica, sonora, visual, audiovisual e dixital, realizada ou editada na Comunidade, que está excluída na actual lei vixente.
Cómpre lembrar que o inicio da tramitación deste anteproxecto de Lei veu precedido pola apertura dun proceso de consulta pública previa, dun mes de duración, que serviu para enriquecer o texto da futura normativa ao incorporar achegas presentadas por entidades e tamén particulares. Agora, a partir da autorización hoxe do Consello da Xunta do inicio da tramitación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude iniciará a elaboración do anteproxecto, que deberá someterse a consulta pública e do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia.
Unha vez que conte cos informes preceptivos, o anteproxecto deberá pasar de novo polo Consello da Xunta para que lle dea luz verde. A previsión é que a finais de ano se inicie a súa tramitación no Parlamento de Galicia, para conseguir a súa aprobación coa conseguinte publicación e entrada en vigor.
Isto permitirá actualizar unha normativa que, na actualidade, está regulada pola Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, un texto que mantivo en gran parte a vixencia do Decreto 41/2001. No entanto, a situación das bibliotecas galegas mudou nestes últimos anos, o mesmo que a xestión dos procedementos, ao converterse en espazos non só de acceso á lectura e á cultura para todas as persoas, senón tamén en lugares de convivencia social, de acceso libre e igualitario ao coñecemento e uns dos lugares onde se constrúen os novos valores sociais.
Obxectivos da nova normativa
Por este motivo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vai preparar unha nova norma que recoñeza estas novas realidades e servizos que deben prestar estes equipamentos culturais de primeiro nivel e que permita a mellora da súa xestión. Consecuentemente, a nova lei vai actualizar os servizos bibliotecarios poñendo especial atención na promoción da lectura e no acceso ao coñecemento en todas as súas manifestacións e canles.
De igual xeito, búscase que se potencien desde estes centros outros aspectos como a difusión e promoción do patrimonio lingüístico, o acceso universal á cultura, a alfabetización dixital, a inclusión e cohesión social ou a cooperación con organizacións culturais, educativas e sociais.
Ao mesmo tempo, con este novo texto preténdese ampliar a regulación do patrimonio bibliográfico de Galicia e a súa preservación e conservación para conseguir un réxime eficaz que estableza un sistema de actuación garantista para todos as institucións e os actores implicados na conservación e na difusión do acervo patrimonial bibliográfico da Comunidade, debido a que a regulación actual limítase a determinar conceptos básicos e réxime sancionador.
Ademais, a Xunta mellorará con esta normativa aspectos técnicos respecto da actual lei vixente ao recoller como deberá ser a reordenación do sistema e da rede de bibliotecas e ao actualizar as definicións e a clasificación das mesmas. Nesta liña, a nova lei establecerá con respecto aos centros públicos cales deberán ser os servizos mínimos que deben prestar, normas específicas de funcionamento e os dereitos e obrigas das persoas usuarias.
Do mesmo xeito, entre outras cuestións, regulará os requisitos mínimos para que un centro se integre na Rede de Bibliotecas de Galicia, tendo en conta a superficie e accesibilidade, horario ou o persoal. Engadirase nesta ordenación a definición e delimitación das competencias da Xunta de Galicia, as deputacións provinciais e os concellos, segundo o disposto na Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e tamén se establecerán algunhas das condicións para a prestación dos servizos bibliotecarios públicos municipais.
Actuacións complementarias
Débese salientar que, ao tempo que se tramita a nova Lei de bibliotecas e do patrimonio bibliográfico de Galicia, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude porá en marcha o Plan de Dinamización da Lectura con 115 medidas ata 2029, dotadas cun investimento de 60M€ para continuar mellorando os hábitos lectores na Comunidade nun momento no que Galicia rexistra uns índices superiores á media nacional.
De igual forma, continuará fomentando que a Biblioteca de Galicia, como cabeceira do sistema bibliotecario, realice todas as accións encamiñadas á identificación, catalogación, conservación, difusión e dixitalización e poña en marcha outras medidas de preservación do noso patrimonio bibliográfico como, por exemplo, accións formativas para persoal bibliotecario e a elaboración de pautas de actuación para a conservación do fondo local patrimonial. Así mesmo, continuará co apoio técnico e económico a todos os titulares das bibliotecas públicas integradas da Rede de Bibliotecas
