Nova: As bibliotecas da Xunta celebran o Día de Rosalía achegando a súa vida e obra a todos os públicos
21/02/2026
As bibliotecas da Xunta celebran o Día de Rosalía achegando a súa vida e obra a todos os públicos
Os sete espazos xestionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude programan estes días obradoiros, mostras, contacontos ou propostas musicais
O servizo móbil ‘A Furgoteca’ leva actividade a varios puntos das provincias de Lugo e Ourense en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia
O Goberno galego afianza así o seu compromiso coa cidadanía facendo destes equipamentos epicentros de dinamización cultural e de difusión do coñecemento
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia celebra a través das súa rede de bibliotecas públicas o Día de Rosalía de Castro, organizando, con motivo da efeméride, que terá lugar o luns 23, diferentes propostas para achegar a figura da autora a todos os públicos, cumprindo así co seu compromiso coa dinamización cultural e a difusión do coñecemento nestes espazos.
Así, en Santiago de Compostela, a Biblioteca de Galicia programa no Gaiás un obradoiro de poesía impartido pola filóloga, escritora e artista plástica Enma Pedreira baixo o título Poesía pintada, poesía contada. Destinado a familias con cativada a partir dos 6 anos, está enfocado e ilustrar e pintar mentres se escoitan poemas, relatos e cancións de Rosalía. A actividade, que terá lugar o sábado 28 ás 17,30 horas, é de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura.
Ademais, na Biblioteca Pública Ánxel Casal celébrase hoxe mesmo, as 12,00 horas, un paseo pola fantasía que nace dos versos con Contos de Rosalía, onde se narrarán historias que falan de amizade, natureza e soños. A entrada é libre para nenos e nenas de 3 a 8 anos, ata completar a capacidade da sala.
Tamén acollerá unha sesión de contos a Biblioteca Pública Miguel Ángel Garcés, na Coruña, con Figueiriñas que prantei. Estará acompañada por un obradoiro de debuxo a cargo de Polo Correo do Vento para público familiar, con entrada libre, o sábado 28 ás 12,00 horas.
Ese mesmo día, e tamén ás 12,00 horas, a Biblioteca Pública de Lugo propón outro obradoiro da man de María Lires. Así, con Rosalía de Castro. Ilustradora da poesía o público infantil, de entre 6 e 12 anos, coñecerá a obra da autora desde o punto de vista dun debuxante. Precisa inscrición, aberta desde o luns 23.
Pola súa banda, na Bibloteca Pública Nós, en Ourense, organizan un taller de gravado para persoas adultas, que terá lugar esta mesma mañá ás 11,00 horas a cargo de Xosé Poldras. Mentres, para o sábado 28, neste centro propoñen un obradoiro con Sabela Gago para idades de 7 a 12 anos, ao que se lle suma unha pequena mostra de poetas galegas, Herdeiras de Rosalía, que se pode ver desde o pasado día 9 ata o próximo sábado.
Unha exposición é tamén a proposta da Biblioteca Pública Antonio Odriozola, en Pontevedra. Ata o 6 de marzo pode visitarse As románticas: das imás Brontë a Rosalía de Castro, unha mostra bibliográfica que fai un percorrido polas voces femininas que, desde o Romanticismo, anunciaron a modernidade literaria. Ademais, ata o sábado 28, ofrece na sala infantil outra mostra de libros sobre Rosalía adaptados para pequenos e pequenas lectoras, con contos ilustrados sobre a súa vida, poesía para recitar e música inspirada nos seus versos.
Xa en Vigo, a Biblioteca Pública Juan Compañel ten en marcha outras dúas exposicións, que se manterán ata o 16 de marzo. Por un lado, O século de Rosalía: o século XIX en Galicia adéntrase nos fitos cultrais e históricos de Galicia nesa época con paneis explicativos para contextualizar a obra da escritora. Por outra banda, Entre Cantares, dirixida especialmente ao público infantil, céntrase nunha escolma bibliográfica de distintas edicións dos libros de Rosalía e discos de autores que musicaron os seus peoemas.
‘A Furgoteca’ de Lugo e Ourense
Ademais da programación nestes espazos de cada cidade, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén conmemora o Día de Rosalía coa súa rede de bibliotecas móbiles, achegando actividades a numerosos puntos de Lugo e Ourense, en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
Así, A Furgoteca de Lugo aproveita a ocasión para facer un agasallo a todas as persoas asistentes ás paradas de Cervantes, no día de hoxe; O Incio, mañá, e Navia de Suarna, o propio luns, dun broche de papel en homenaxe á escritora.
Pola súa parte, A Furgoteca de Ourense levará o luns, 23 de febreiro desde as 10,30 horas, varias accións vencelladas á lectura e ao debuxo para os máis pequenos no colexio Valle Inclán de Muíños. Unha actividade que se completa cos xogos Sopa de Letras: Rosalía, que se desenvolverá durante ese mesmo día en todas as paradas da ruta do Concello de Muíños, e Adiviñanzas na sombra, no percorrido do municipio de Rairiz de Veiga.
