Nova: López Campos reunirase coas principais institucións culturais galegas o 25 de febreiro para avanzar xuntos no deseño das actividades do Ano Oteriano

19/02/2026

López Campos reunirase coas principais institucións culturais galegas o 25 de febreiro para avanzar xuntos no deseño das actividades do Ano Oteriano

O representante de Cultura da Xunta salienta que a homenaxe ao ‘Patriarca das Letras Galegas’ debe contar coa “máxima implicación institucional, cultural e social”

Adianta que o obxectivo é acadar “a posta en valor e a maior difusión” da relevancia da súa figura e legado para o pensamento e identidade da Galicia contemporánea

Amoeiro (Ourense), 19 de febreiro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe que se reunirá o vindeiro mércores, 25 de febreiro, coas principais institucións culturais galegas co fin de “contar con todas elas para avanzar xuntos no deseño de actividades do Ano Oteriano”. Así o adiantou durante a súa visita á Fundación Otero Pedrayo, na que estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

“A homenaxe ao considerado por todos os galegos e galegas como Patriarca das Letras Galegas debe contar coa máxima implicación, cultural e social”, defendeu o representante de Cultura da Xunta con respecto á celebración durante este 2026 do Ano Oteriano, declarado polo Parlamento de Galicia, coa unanimidade de todos os grupos, con motivo de cumprirse o cincuenta aniversario do seu pasamento, así como o centenario da publicación de Guía de Galicia, unha da súas grandes obras.

Con este obxectivo, López Campos avanzou que a Xunta quere deseñar unha programación “o máis completa e transversal posible onde se recollan as propostas, actividades e iniciativas de todas as institucións culturais galegas”. A finalidade, segundo concretou, é acadar “a posta en valor e a maior difusión da relevancia da súa figura e valioso legado para o pensamento e identidade da Galicia contemporánea”.

Neste senso, o responsable de Cultura do Goberno galego erixiu a Otero Pedrayo “como un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia”, ao tempo que salientou que se trata do “representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra”.

Programación que manteña acesa a vixencia do seu legado

Nesta liña,  López Campos lembrou as múltiples facianas dun dos fundadores do Grupo Nós e da Editorial Galaxia, da que foi o primeiro presidente, e membro das Irmandades da Fala, ademais de mestre, ensaísta, xeógrafo, novelista e político, como membro do Partido Galeguista. “En todo este amplo espectro despuntou pola súa brillantez, altos coñecementos e unha importante contribución á construción da Galicia moderna”, enxalzou.

Por estes motivos, incidiu na importancia da celebración do Ano Oteriano “non só como recoñecemento institucional, cultural e social, senón para artellar entre todos unha programación que estará á altura de dignificalo aínda máis e manter acesa a vixencia actual da súa importante herdanza”, concluíu.

Comparte