Nova: A Rede Galega de Teatros e Auditorios cumpre 30 anos como paradigma da exhibición profesional das artes escénicas en galicia

16/02/2026

A Rede Galega de Teatros e Auditorios cumpre 30 anos como paradigma da exhibición profesional das artes escénicas en galicia

  • O informe elevado ao Consello da Xunta reflicte o impacto positivo deste circuíto de espectáculos na calidade da xestión dos espazos culturais galegos e na mellora de dotacións e infraestruturas
  • Nas tres décadas de historia pasouse de nove membros iniciais ás 43 localidades das catro provincias que están adheridas actualmente
  • Neste  primeiro semestre do ano a rede contará cun orzamento total de 1,29M€ para programar no primeiro semestre máis de 300 funcións en 42 municipios

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude elevou hoxe ao Consello da Xunta o informe da actividades e liñas de actuación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que chega neste 2026 ao seu 30º aniversario como principal circuíto de distribución de espectáculos de carácter profesional do país. Ao longo das súas tres décadas de funcionamento, este programa avanzou na xestión especializada dos escenarios galegos, ademais de contribuír, a través das súas normativas de adhesión, á mellora das dotacións técnicas e das infraestruturas dos espazos culturais.

Así, dos nove membros fundacionais cos que a Rede iniciou o seu funcionamento, chegouse ata os 46 escenarios actuais radicados en 43 concellos das catro provincias, que ofrecen hoxe en día de xeito normalizado artes escénicas e musicais, maioritariamente de produción galega. A súa primeira carteleira, desenvolvida nos últimos meses de 1996 e integrada por 11 compañías, foi o punto de partida dun crecemento rápido que incorporou axiña outros 30 concellos e consolidou o modelo xa nos seus primeiros anos de implantación. Hoxe en día constitúe un mercado determinante para a contratación e a exhibición estable das propostas producidas en Galicia e é unha plataforma preferente para as estreas de cada temporada. Os municipios nos que opera a Rede na actualidade suman un total de 1.611.425 habitantes, o que supón arredor do 60% da poboación galega.

 

Financiamento e público á alza

A actividade da Rede Galega de Teatros e Auditorios cofinánciase anualmente entre o Goberno galego e as entidades locais adheridas a través de convenios de colaboración, con achegas que ata 2025 foron de entre 13.000 e 62.000 euros por espazo, e que para 2026 eleva a contía mínima a 15.000 euros para os concellos de ata 12.000 habitantes.

 

O documento presentado hoxe na reunión do Consello recolle o incremento nos últimos anos do investimento executado neste circuíto a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, que medrou un 27,22 % entre 2019 e 2024 e que pechou 2025 destinando un orzamento de 994.190,63 euros. Para a programación deste primeiro semestre de 2026, conta coa suma de 1,29 M€ procedentes da Xunta e dos concellos, o que supón un 5,6% máis que no mesmo período de 2025. Tamén aumentou nese mesmo período o número total de espectadores, que pasou de 80.398 a 100.858 espectadores, o que supón un aumento do 25,45%.

 

Xestión coordinada e mellores infraestruturas

Ao longo dos seus 30 anos de funcionamento, a Rede Galega de Teatros e Auditorios puxo tamén a disposición dos concellos accións e ferramentas que favoreceron maiores estándares de calidade na xestión e a oferta de espectáculos, así como a relación entre artistas e responsables de programacións. É o caso da plataforma galescena.gal, creada especificamente para darlle soporte tecnolóxico á oferta cultural e dotar de maior eficiencia a contratación de espectáculos. Tamén destaca a súa conexión con outras accións da Xunta que redundan na dinamización económica do sector, como a feira Galicia Escena PRO, así como o seu papel na relación con circuítos doutras comunidades autónomas ou no debate colectivo sobre boas prácticas e mediación cultural.

No que atinxe ás dotacións de infraestruturas, e despois dos investimentos realizados en melloras dos espazos financiados nos últimos anos con fondos europeos, durante o último trimestre de 2025 se levou a cabo no marco da Rede unha auditoría técnica impulsada pola Xunta. O obxectivo é continuar progresando nas dotacións técnicas e condicións dos espazos, tendo en conta sobre todo a aplicación de medidas de accesibilidade, en liña coa Lei 3/2024, do 5 de decembro, de Cultura inclusiva e accesible de Galicia. A finalidade destas accións é favorecer a experiencia dos espectáculos ao vivo tanto para os artistas que os executan como para o público que os recibe.

Actividade en 2026

A actividade da Rede Galega de Teatros e Auditorios arrancou o pasado 15 de xaneiro para compoñer un primeiro semestre de programación durante o que ofrecerán 307 funcións en 42 localidades a cargo de 102 compañías escénicas e grupos musicais.

 

Destacan neste calendario cinco estreas da temporada escénica galega (Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota e Compañía; A historia vaxenial, de Artyc Content; BenQuerer, de Fran Sieira xunto ao dúo musical Caamaño&Ameixeiras; Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro, e  Riazor Ostia, de Os Náufragos),  unha maior presenza da música en directo, que protagoniza 23 das actuacións, e a incorporación de Outes (A Coruña) como novo concello adherido. O teatro segue centralizando a meirande parte desta axenda cultural, con 236 funcións ata xuño. A programación deste semestre complétase con 29 actuacións de danza, as devanditas 23 de música, 12 de circo e 7 de maxia.

 

Xunto con estas compañías, a proposta de artes escénicas ofrece unha ampla escolma de formacións con presenza recorrente no circuíto, combinando espectáculos de creación contemporánea, de repertorio e propostas familiares, producidos na súa meirande parte co apoio da Xunta a través da convocatoria anual de subvencións á creación escénica. Entre as formacións con maior circulación figuran Malasombra con títulos como O Proceso, Testosterona ou Bernarda; Producións Teatrais Excéntricas con As desterradas, Monstros e Mofa e Befa: os dous de sempre; Talía Teatro con Un Deus salvaxe e Voa, Voa!, ademais da estrea de Artur Ui, o ovo da serpe; e Ibuprofeno Teatro con Reconversión e Bio Construción. En canto ao apartado musical, Unto Vello, Os Carunchos, Terrae, Lembra Xabarín, De Vacas, Habana Café Son ou Xisco Feijoo son algunhas das propostas artísticas para os vindeiros meses.

 

Ademais da carteleira artística, a Rede Galega de Teatros e Auditorios está a traballar xa nun proceso participativo para adaptar a súa normativa ás novas realidades culturais e organizativas. Outros dos seus obxectivos a curto prazo son a incorporación de novos escenarios, sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense.

Comparte