Nova: A Xunta inaugura a finais de febreiro no Gaiás unha exposición que percorre 125 anos de arte galega a través dunha creativa montaxe sensorial
15/02/2026
A Xunta inaugura a finais de febreiro no Gaiás unha exposición que percorre 125 anos de arte galega a través dunha creativa montaxe sensorial
‘As estacións do ano’ xoga coa temperatura, as cores, texturas e os sons asociados á primavera, o verán, o outono e o inverno para construír un itinerario que pon o foco no valor emocional e simbólico da experiencia artística
A mostra reúne máis de 80 pezas de 63 artistas procedentes das coleccións de arte públicas e privadas máis destacadas de Galicia
Comisariada pola artista plástica Mónica Alonso, abrirá as súas portas ao público o vindeiro 26 de febreiro e poderá visitarse, con entrada de balde, ata o 6 de setembro
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia abre a finais do mes de febreiro no Museo Centro Gaiás As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI, unha exposición concibida como experiencia sensorial e inmersiva ao redor das representacións estéticas da primavera, o verán, o outono e o inverno galegos.
Xogando coa colocación das obras no espazo, así como coa temperatura, as cores, os sons e as texturas, As estacións do ano constrúe un itinerario singular pola historia da arte que vai desde o Movemento Rexionalista de comezos do pasado século ata as xeracións máis novas que están a gañar recoñecemento a nivel estatal e internacional.
Máis de 80 obras de 63 artistas, procedentes das coleccións de arte públicas e privadas máis importantes de Galicia, forman parte desta mostra colectiva comisariada pola artista e investigadora Mónica Alonso. Entre elas, destaca a colaboración das Coleccións de Arte de Afundación e de Abanca. Tamén se exhiben obras das fundacións María José Jove, Luis Seoane e Eugenio Granell, así como do Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo de Pontevedra e o Museo Provincial Lugo, ou as galerías Nordés e Trinta.
A selección reúne grandes figuras históricas da arte galega —como Castelao, Eugenio Granell, Laxeiro, María Antonia Dans ou Luis Seoane— con destacados creadores contemporáneos, entre eles Manuel Vilariño, Francisco Leiro, Antón Lamazares, Manolo Paz, Berta Cáccamo ou Menchu Lamas. Xunto a eles, a mostra abre espazo ás novas voces da creación actual: artistas plásticos como Mar Vicente e Rosendo Cid; cineastas e creadores visuais como Lois Patiño e as irmás Noa e Lara Castro de Lema; artistas sonoros como Berio Molina, e unha nova xeración de escultores representada por Mar Ramón Soriano e Pablo Barreiro, entre outros moitos.
Mergullarse na experiencia artística
As estacións do ano abre as súas portas o próximo 26 de febreiro e poderá visitarse con entrada gratuíta ata o 6 de setembro. A mostra contará cun programa de visitas comentadas e didácticas, especialmente deseñadas para mergullarse nos ciclos da natureza e a súa influencia a través da arte contemporánea.
Ademais, no marco da liña de traballo Gaiás Inspira, programaranse actividades lúdicas e divulgativas pensadas para complementar e amplificar os contidos da exposición, transformando o Museo Gaiás nun espazo vivo e aberto á participación de todos os públicos.


