Nova: A Xunta amplía o patrimonio cultural de Galicia con seis moedas históricas que serán custodiadas e exhibidas no Museo Arqueolóxico de Ourense
12/02/2026
A Xunta amplía o patrimonio cultural de Galicia con seis moedas históricas que serán custodiadas e exhibidas no Museo Arqueolóxico de Ourense
López Campos salienta que son “emisións únicas dun valor excepcional” que dan testemuño material da presenza do Reino Suevo e do medievo renacentista
O representante do Goberno galego lembra que xa contan coa máxima protección, desde que se iniciou a súa incoación para declaralas Ben de Interese Cultural
Adquiridas á colección numimástica privada do galego Antonio Orol, amosaranse na sede que o centro museístico ten a carón do claustro de San Francisco
Ourense, 12 de febreiro de 2026.- As seis moedas históricas adquiridas da colección numimástica privada de Antonio Orol serán custodiadas e exhibidas no Museo Arqueolóxico de Ourense. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na recepción das mesmas, onde salientou “o esforzo feito polo Goberno galego por recuperar e ampliar o patrimonio cultural de Galicia”.
Acompañado polos directores xerais de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e do de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante do Executivo autonómico lembrou que estas moedas forman parte da colección numástica privada do galego Antonio Orol e, en canto a Xunta de Galicia tivo coñecemento da existencia da puxa, decidiu exercer o dereito de tenteo dun total de seis destas moedas, por valor de 178.200€, en aplicación do artigo 49 da Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia. Isto permitiu que fosen adquiridas, tal e como detallou, as seguintes pezas: Tremissis Suevo de Honorio, Tremissis Suevo de Valentiniano, Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, Tremissis Visigodo de Wamba, 1/2 de excelente da granada dos Reis Católicos, e 1/2 real de Felipe II.
López Campos destacou a decisión da consellería de levar a cabo esta adquisición por tratarse de “emisións únicas dun valor excepcional e dunha relevancia incuestionable para o patrimonio cultural da Comunidade”. Ao respecto, salientou que supoñen un “testemuño material e documental da presenza do Reino Suevo en Galicia e tamén do medievo renacentista, que exceden calquera interese centrado meramente no coleccionismo, e que deben ser conservadas nas mellores condicións”.
Incoación para declaralas Ben de Interese Cultural
Por estes motivos, o conselleiro tamén fixo fincapé no feito de que, antes de exercer o dereito de tenteo para adquirilas, o Goberno galego xa procedera a pór en marcha o a incoación das mesmas para declaralas Ben de Interese Cultural, “o que xa supuxo a inmediata salvagarda e protección deste patrimonio”. Deste xeito, explicou que esta declaración suporalles a protección patrimonial exixida “polo seus valores históricos, artísticos, culturais e tamén identitarios e territoriais, xa que plasman con singular relevancia o seu vencellado coa Gallaecia histórica e a existencia do Reino Suevo dentro do período alto medieval”.
Finalmente, o conselleiro adiantou que as moedas estarán expostas ao público ata xuño na sede que o Museo Arqueolóxico de Ourense ten a carón do claustro de San Francisco. Posteriormente, formarán parte dunha exposición das últimas adquisicións da entidade museística, que está prevista que inaugure no segundo semestre deste ano en Ourense. En canto rematen as obras da nova localización, na praza do Bispo, as moedas estarán exhibidas de xeito permanente.

