Nova: Anxo M. Lorenzo destaca a celebración do ‘Ano Castelao’ “como un punto de inflexión” no recoñecemento ao intelectual

12/02/2026

Anxo M. Lorenzo destaca a celebración do ‘Ano Castelao’ “como un punto de inflexión” no recoñecemento ao intelectual

Incide en que o Goberno galego “cumpriu os obxectivos, divulgando as achegas culturais, políticas e lingüísticas do persoeiro, sobre todo entre as novas xeracións”

Considera que “se reforzou o papel do homenaxeado como referente esencial da identidade de Galicia, máis alá de reivindicacións políticas”

Indica que a programación, que recolleu máis de 80 accións, terá continuidade con  máis actividades ao longo do 2026, á vez que se inicia o Ano Oteriano

As iniciativas estiveron vencelladas a publicacións, recursos dixitais e exposicións, así como ás artes escénicas ou á música

As propostas abrangueron tamén o ámbito educativo, o da investigación e o da proxección exterior a través dos Centros de Estudos Galegos e das Casas de Galicia

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou hoxe a celebración do Ano Castelao como “un punto de inflexión no recoñecemento ao intelectual”, puntualizando que “cumprimos coa finalidade de difundir as súas importantes achegas culturais, políticas e lingüísticas entre a sociedade, especialmente enfocada nas novas xeracións, cunha lectura viva sobre a súa figura”. Así o manifestou na Comisión 4ª do Parlamento, onde compareceu para facer balance das accións levadas a cabo pola Xunta de Galicia con motivo da efeméride que impulsou durante o 2025.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé nos obxectivos acadados coas máis de 80 propostas recollidas na programación, baseados “na súa consideración como unha figura fundamental para a cultura e lingua galegas, máis alá de reivindicacións políticas, e reforzando o seu papel ao longo da historia como un referente esencial da identidade de Galicia”. Tamén, indicou, “poñendo en valor a súa pluralidade creativa como escritor, debuxante, caricaturista, ensaísta, dramaturgo e pensador, destacándoo como un símbolo da defensa da democracia e a liberdade, reflexionando sobre o exilio galeguista”.

Ademais, durante a intervención resaltou que “a programación foi desenvolvida tanto nos equipamentos xestionados directamente polo Goberno galego como en colaboración coas diversas entidades que se sumaron á celebración”. Destacou así a Fundación Castelao “como entidade protagonista e impulsora dunha importante liña de actividade ao longo do ano” e outras institucións como o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego  ou o Instituto Padre Sarmiento, entre outras.

Antes de debullar polo miúdo o conxunto de propostas desenvolvidas, Anxo M. Lorenzo puntualizou que este recoñecemento a Castelao “é tamén un punto e seguido porque non queremos que se quede nese ano, por iso continuamos impulsando actividades á vez que iniciamos o Ano Oteriano”.

Exposicións

Os proxectos expositivos foron un dos eixos centrais da programación da Xunta, achegando diversas olladas sobre a traxectoria do homenaxeado. Destaca, neste senso, a proposta principal que acolleu a Cidade da Cultura, unha experiencia inmersiva que combinou intelixencia artificial, hologramas, videmapping e realidade virtual para trasladar ao público ao universo do intelectual.

Á mostra Castelao. Mirar por Galicia, que acadou finalmente preto de 40.000 visitas, contando as actividades que se realizaron ao seu redor, hai que sumarlle tamén no Gaiás As mulleres na obra de Castelao, que aínda se pode visitar na Biblioteca de Galicia, ademais doutras propostas como son Castelao e Ourense, que relacionou no Arquivo Provincial a súa figura co galeguismo ourensán ou Castelao e Bos Aires. De sempre en Galiza a Alba de gloria, no Centro Galicia de Bos Aires.

Dixitalización

Outro dos eidos nos que o Goberno galego puxo o foco durante esta celebración foi no das publicacións, cunha decena de proxectos. Así, ademais dos libros Castelao entre nós. 75 anos despois, de Francisco L. Barxas, ou da edición de Galaxia de Castelao escritor, de Eduardo Blanco Amor, viu a luz un libro-disco que fusiona as múltiples facetas do intelectual e un audiolibro que permite escoitar dúas das súas obras máis significativas, Retrincos e Un ollo de vidro. Por outra banda, aínda no marco dos recursos dixitais, a Xunta colaborou coa Fundación Castelao para actualizar novidades na súa web.

Tamén se dixitalizou, en colaboración co Instituto Padre Sarmiento, toda a documentación descuberta sobre o proceso de aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, no que Castelao  foi un dos partícipes directos. Aínda vencellado ao ámbito educativo, hai que sinalar a participación de máis de 30 institutos nas accións desenvolvidas polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, centrados na elaboración de materiais audiovisuais, na gravación de podcast, na creación de exposicións ou de pezas teatrais.

Audiovisuais e artes escénicas

A Xunta involucrouse, ademais, coa longametraxe de ficción Castelao. Antes de Nós, dirixida por Ángeles Huerta, cunha achega de 280.000€ a través da súa liña de axudas á produción audiovisual. Tamén, no que ten que ver coas artes escénicas apoiou unha nova edición do Festivalle, que se sumou á homenaxe ao rianxeiro, e a adaptación teatral da única obra narrativa que escribiu, Os dous de sempre.

A música tamén foi protagonista da programación, entre outras iniciativas, coa novena edición de No bico, un cantar, unha proposta na que o Executivo autonómico colabora co Consello da Cultura Galega e que este ano se dedicou a Castelao nun acto que tivo lugar en Rianxo.

Investigación e proxección exterior

Nestes meses tamén se consolidou a presenza de iniciativas académicas que afondan na investigación e divulgación do legado do escritor. Nesta liña, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoiou a creación da Cátedra Castelao na Universidade de Santiago de Compostela, así como a posta de novo en funcionamento da Cátedra de Estudos Galegos Alfonso Rodríguez Castelao na Universidade de Bos Aires.

De feito, o programa estendeuse tamén a outros puntos do mundo, facendo fincapé na proxección exterior da cultura galega a través de Castelao, tanto noutras Comunidades Autónomas como en países de América, Europa e mesmo África. Así, realizáronse distintos proxectos nos Centros de Estudos Galegos e nas Casas de Galicia, como foi o caso de Bahía, Sao Paulo ou Río de Janeiro, ou xa en Europa de Budapest, Heildeberg, Kiel, Varsovia, Oxford ou Gales. Neste contexto, a súa historia e legado tamén chegou a Nova York ou ao Centro de Estudos Galegos de Mozambique.

Comparte