Nova: A Xunta elabora a primeira guía de acceso documental do sistema de arquivos de Galicia
09/02/2026
A Xunta elabora a primeira guía de acceso documental do sistema de arquivos de Galicia
- O Consello dá luz verde a esta publicación que pretende facilitar o labor dos profesionais que traballan nestes centros e axudalos a resolver cuestións de aplicación e interpretación xurídica
- Esta ferramenta encádrase nos obxectivos estratéxicos do Plan de Arquivos da Xunta de Galicia 2022-2026 e conta con oito ámbitos de estudo
- Dispoñible en formato dixital e en papel, o documento foi elaborado a partir dunhas xornadas formativas organizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
A Xunta de Galicia facilitará o labor dos traballadores dos seus arquivos coa posta a súa disposición da primeira Guía de acceso documental do sistema de arquivos, unha ferramenta avaliada hoxe polo Consello que pretende colaborar cos profesionais para axudalos a facer fronte ás cuestións de aplicación e interpretación xurídica que xorden durante os procesos de xestión documental. Trátase dunha publicación que se encadra nos obxectivos estratéxicos do Plan de Arquivos da Xunta de Galicia 2022-2026 e que pon en foco nas cuestións normativas que afectan directamente ao traballo dos profesionais dos arquivos.
O documento analizado hoxe nace co obxectivo de avanzar nos retos establecidos neste plan e coa finalidade de contribuír a optimizar o funcionamento e a organización do Sistema de Arquivos de Galicia. Deste xeito, o fin último é que os profesionais poidan contar cun instrumento de consulta que facilite criterios claros que permitan mellorar a interpretación da diversa e ampla normativa aplicable en materia de acceso aos documentos e á información.
Para conseguilo, empregouse un formato composto por preguntas concretas e respostas directas que se apoian na lexislación e na xurisprudencia. Así mesmo, agrupáronse en oito grandes ámbitos temáticos que se centran en aspectos como a distribución das competencias entre arquivos, bibliotecas e museos; na diferencia entre o dereito de acceso e consulta e o dereito á información pública; en aspectos de interese da propiedade intelectual ou no uso e reprodución de obras. Isto complétase con información sobre o tratamento de datos de carácter persoal, o dereito de imaxe, o público como creador de contidos culturais e os controis de acceso aos centros. Ademais, conta cun apartado específico sobre o manexo da publicación e un índice lexislativo.
Este documento, que estará dispoñible en formato dixital e en papel, foi elaborado a partir dos coñecementos, relatorios e material xerado ao abeiro das xornadas sobre acceso documental celebradas o pasado mes de maio pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude como resposta á necesidade de formación en cuestións relacionadas co traballo do persoal arquiveiro. Así, aínda que naceu como un instrumento para facilitar o traballo do persoal dos arquivos os seus contidos son de interese tamén para técnicos e profesionais doutros centros culturais, como bibliotecas e museos.
Cómpre lembrar, que o Goberno galego mantén un firme compromiso coa custodia e conservación do patrimonio documental a través do traballo que se fai nos arquivos a través dos que non só se garante a xestión administrativa, senón que, ademais, se aseguran as necesidades de información da cidadanía. Proba disto é que só nos arquivos históricos xestionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude se atenden preto de 35.000 consultas cada ano.
