Nova: A Xunta actuará de urxencia para reparar os danos causados pola chuvia na muralla romana de Lugo

09/02/2026

A Xunta actuará de urxencia para reparar os danos causados pola chuvia na muralla romana de Lugo

  • As fortes precipitacións rexistradas nas últimas xornadas provocaron un derrube entre as portas do Carme e de Santiago
  • José López Campos informa que o seu departamento comezará a traballar “coa maior celeridade” para garantir a conservación deste ben Patrimonio da Humanidade

Lugo, 8 de febreiro de 2026.- A Xunta de Galicia actuará de urxencia para reconstruír e reparar os danos causados polas fortes chuvias na muralla romana de Lugo. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita á zona na que onte se rexistrou un desprendemento de pedras na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura explicou que as intensas precipitacións rexistradas nas últimas xornadas provocaron un derrube no lenzo interior da muralla á altura da rúa do Moucho e nun tramo que está comprendido entre as portas do Carme e de Santiago. “Trátase dun desprendemento que afortunadamente non provocou danos persoais e que afectou a un lenzo interior que non pertence ao trazado orixinal da muralla, senón que é froito dunha reconstrución posterior que se fixo aproximadamente nos anos vinte do século pasado”, apuntou López Campos.

“A muralla de Lugo, como ben de valor universal excepcional, é e será obxecto das intervencións necesarias para preservar a súa conservación”, afirmou o conselleiro antes de engadir que o seu departamento “traballará de emerxencia e coa maior celeridade posible para solucionar as patoloxías causadas pola auga”. De feito, técnicos da Dirección xeral de Patrimonio Cultural fixeron onte á noite unha primeira visita e, segundo avanzou López Campos, está previsto que xa mañá se comece a traballar. Así mesmo, nos vindeiros días realizarase unha inspección completa do trazado para comprobar se existen danos nalgún outro punto aproveitando a monitorización feita ao abeiro do Plan director.

Por outra banda, o representante do Goberno galego explicou que o valor e a importancia deste monumento fixo que Lugo sempre ocupara un lugar destacado no compromiso do Goberno galego co patrimonio cultural. Proba disto é que desde que foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, un recoñecemento que celebrou o pasado ano o seu 25 aniversario, a Administración autonómica investiu máis de 10M€ en 60 actuacións. “Este é un compromiso que nos permitiu velar pola conservación dun dos patrimonios máis icónicos e recoñecibles da nosa Comunidade e que agora, ante estes acontecementos, cobra aínda máis forza”, apuntou.

Cómpre lembrar que a muralla romana de Lugo, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2000, xa rexistrou derrubes a causa das choivas en anteriores ocasións. A última, pouco despois do seu recoñecemento, afectou á zona localizada nas inmediacións do hospital de Santa María.

 

Comparte