Nova: Martina Aneiros participa na inauguración da exposición ‘Orixes IV’, sobre a última campaña arqueolóxica no castro de Esmelle
06/02/2026
Martina Aneiros participa na inauguración da exposición ‘Orixes IV’, sobre a última campaña arqueolóxica no castro de Esmelle
Ferrol, 6 de febreiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde na inauguración da exposición ‘Orixes IV’, organizada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol, que permanecerá aberta no Centro Cultural Torrente Ballester ata o 26 de abril.
Esta exposición está composta por 10 paneis explicativos, un audiovisual e unha vitrina con materiais arqueolóxicos tales como cerámicas castrexas, fragmentos de terra sigillata, un muíño rotatorio ou lousas procedentes dunha cuberta, entre outros. O obxectivo desta exposición é amosar os resultados da última campaña arqueolóxica realizada nos meses de xullo e agosto no Castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro e que contou cunha achega da Xunta a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
A representante autonómica destacou que nesta última campaña se fixeron visibles os resultados dos valiosos traballos de recuperación e restauración que se veñen executando neste castro, destacando a consolidación do pavimento enlousado e do corpo de garda.
Aneiros destacou que “na estratexia do Goberno galego de recuperar e protexer estes valiosos bens do noso patrimonio a través das escavacións arqueolóxicas tamén ten moita transcendencia o labor de divulgación”.
