Nova: López Campos convida á cidadanía a coñecer no CGAC a exposición que representou a España na Bienal de Arquitectura de Venecia

06/02/2026

López Campos convida á cidadanía a coñecer no CGAC a exposición que representou a España na Bienal de Arquitectura de Venecia

O museo da Xunta inicia a súa programación de 2026 tras ser elixido como insignia da cultura galega pola Fundación Contemporánea

O representante autonómico de Cultura puxo en valor a oportunidade que supón que esta mostra se poida ver por primeira vez en España

O proxecto, promovido polo Goberno do Estado en colaboración con Acción Cultural Española, pon en valor o emprego de recursos locais, rexenerativos e de baixa pegada de carbono dunha nova xeración de estudos de arquitectura españois

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Internalities. Arquitecturas para un equilibrio territorial que inicia a programación do 2026 no Centro Galego de Arte Contemporánea e que chega a Galicia tras representar a España na 19ª edición Bienal de Arquitectura de Venecia 2025.

Durante o acto de apertura, o representante de Cultura do Goberno galego convidou á cidadanía a achegarse o Centro Galego de Arte Contemporánea para gozar desta exposición e festexar xuntos “o recente recoñecemento como insignia da cultura galega outorgado polo Observatorio da Cultura”. “É unha honra para todos os galegos que a Fundación Contemporánea decidise recoñecer este espazo esencial para a nosa cultura e os nosos creadores e que fai posible poñer a disposición de todo o público galego mostras internacionais como esta”, explicou López Campos.

Neste senso, o museo da Xunta inicia a programación de 2026 co proxecto Internalities. Arquitecturas para un equilibrio territorial, impulsado polo Goberno do Estado en colaboración con Acción Cultural Española. Trátase dunha mostra que, tal e como explicou o representante da Xunta, permite “ollar os desafíos aos que deben responder as novas xeracións de arquitectos que se mostran sensibilizados coa realidade ambiental", xa que a proposta pon en valor o emprego de recursos locais, rexenerativos e de baixa pegada de carbono dunha nova xeración de estudos de arquitectura españois.

Neste senso, o conselleiro de Cultura aproveitou para agradecer e felicitar os comisarios da exposición, os arquitectos galegos Manuel Bouzas e Roi Salgueiro, por “crear un espazo de encontro entre os profesionais e o público que permita crear diálogos e sinerxias que nos permitan seguir avanzando social e culturalmente”.

Internalities. Arquitecturas para un equilibrio territorial, que poderá visitarse ata o 3 de maio, divídese en dúas áreas. A primeira delas, titulada Balance, inclúe 16 obras construídas de arquitectura, paisaxismo e espazo público. O segundo espazo desenvolve investigacións sobre cinco eixos fundamentais para reducir as emisións do sector da construción: materiais, oficios, enerxías, residuos e emisións. Cada un destes eidos explórase en relación con cinco xeografías diferentes da península ibérica e está coordinado por un equipo de arquitectos-investigadores especializados neses temas e áreas xeográficas.

Comparte