Nova: A Xunta recibiu 2.142 expedientes desde a modificación da Lei de patrimonio cultural, 282 menos que no mesmo período do pasado ano

05/02/2026

A Xunta recibiu 2.142 expedientes desde a modificación da Lei de patrimonio cultural, 282 menos que no mesmo período do pasado ano

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude atribúe esta redución a trámites que xa poden ser resoltos por concellos e particulares, grazas aos cambios na normativa

Lembra que Galicia era a única Administración que informaba sobre bens en diferentes graos de protección, o que supoñía máis de 30.000 trámites anuais cunha espera de entre 6 e 12 meses

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia recibiu un total de 2.142 expedientes desde a entrada en vigor, o 1 de xaneiro de 2026, da modificación da Lei de patrimonio cultural, o que supón 282 menos que no mesmo período do pasado ano. Trátase dunha redución de preto do 12 %, vencellada aos cambios introducidos na normativa e que permiten que determinados procedementos non exixan xa autorización da Administración autonómica. Consecuentemente, poden ser resoltos polos propios concellos e particulares, o que supón nunha axilidade nos trámites e redución de tempos que, finalmente, reverte nunha protección máis eficaz dos bens patrimoniais.

Cómpre lembrar que ata estas modificacións introducida a través da Lei de acompañamento dos Orzamentos 2026, a Xunta era a única administración autonómica que informaba sobre bens con diferentes graos de protección en todo o territorio. Este feito supoñía que cada ano se tramitasen na Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, máis de 30.000 expedientes, cunha espera de entre 6 e 12 meses.

Conscientes de que estes longos tempos de espera eran un problema á hora de levar a cabo determinados proxectos, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude procurou unha solución para desburocratizar o procedemento e, en definitiva, reducir os tempos de espera por parte da cidadanía e as institucións, sen que en ningún caso isto supoña rebaixar o nivel de protección do patrimonio cultural.

Deste xeito, desde principios deste ano as entidades locais poden, xunto co procedemento de concesión de licenza, autorizar intervencións en aqueles elementos que conten con protección estrutural e ambiental ou en Bens de Interese Cultural e catalogados ao tratarse de obras menores como limpeza de fachadas, cambios de pavimento ou reparación de vías. Así mesmo, tamén poden informar sobre obras no ámbito dos Camiños de Santiago catalogados (Inglés, Portugués, Fisterra-Muxía, Vía da Prata e Inverno) que non afecten á traza, parcelas lindeiras e elementos funcionais, de todas as que se leven a cabo nos municipios de máis de 50.000 habitantes e das que se pretendan realizar no resto do territorio histórico.

No ámbito forestal, introduciuse a figura de declaración responsable para as cortas de arboredo en bens con protección estrutural e ambiental, así como no seu contorno de protección e zona de amortecemento, ou para as que se realicen no territorio histórico dos Camiños de Santiago catalogados a partir dos 3 metros a ambos lados da traza. Neste marco, eliminouse a necesidade de permiso para os traballos de silvicultura feitos por medios manuais ou para as tarefas feitas con maquinaria lixeira, sempre e cando se faga despois de balizar.

Precisamente, a partir destes cambios, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta recibiu en xaneiro de 2026 un total de 282 expedientes menos que os xestionados no mesmo mes do pasado ano. Débese salientar que vencellados co ámbito do Camiño, chegaron a este departamento 90 procedementos menos, mentres que, no eido da arqueoloxía, reducíronse en 71 con respecto ao recibidos no mesmo período de 2025.

En todo caso, prevese que o número de tramitacións que cheguen á Administración autonómica vaia diminuíndose nunha maior porcentaxe da rexistrada en xaneiro, ao levar transcorrido tan só un mes desde a entrada en vigor destas modificacións da Lei de patrimonio cultural.

Man tendida á colaboración

En todo caso, cómpre lembrar que Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pola súa parte, mantén as competencias para autorizar actuacións nos elementos máis singulares ou que precisan a intervención dun persoal técnico con coñecementos máis específicos. É o caso, por exemplo, de obras en Bens de Interese Cultural, nos elementos con protección integral, nos Camiños de Santiago declarados BIC (Francés e Norte) ou no patrimonio artístico, arqueolóxico ou naquel que sexa propiedade da igrexa.

Ademais, este departamento autonómico fai fincapé no feito de que, naqueles concellos que non exista persoal técnico ou que, pola súa casuística, decidan non informar, poderán continuar co procedemento como ata o de agora.

Comparte