Nova: A Xunta abre o programa expositivo da Cidade da Cultura cunha reflexión de artistas dunha ducia de países sobre os límites dos mundos virtuais

04/02/2026

A Xunta abre o programa expositivo da Cidade da Cultura cunha reflexión de artistas dunha ducia de países sobre os límites dos mundos virtuais

A mostra propón un percorrido por máis de 80 obras que inclúen instalacións interactivas, videoxogos, obxectos históricos e pezas artísticas que exploran a relación entre realidade física e simulación dixital

López Campos enxalza a dimensión internacional dunha exposición que inclúe obras de artistas procedentes de países como Canadá, EEUU, China, Corea, Suíza, Grecia, Reino Unido ou Francia, entre outros

Todos eles formulan cuestións arredor de temas de fonda actualidade como os xemelgos dixitais, a polarización e o acoso na Rede ou o emprego da IA

Trátase dunha exposición de Fundación Telefónica que, tras exhibirse en Madrid e Lima (Perú), pode xa visitarse de balde no Museo Centro Gaiás ata o 30 de agosto

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou esta mañá no Museo Centro Gaiás a exposición Mundo expandido. Entre o físico e o virtual. Conformada por máis de 80 obras que inclúen instalacións interactivas, videoxogos, obxectos históricos e pezas artísticas, esta mostra de Fundación Telefónica explora os límites da realidade física e da simulación dixital e afonda na omnipresenza dos mundos virtuais na nosa sociedade.

O titular de Cultura da Xunta de Galicia enxalzou a dimensión internacional dunha exposición que inclúe obras de creadores dunha ducia de países —Canadá, EEUU, China, Corea, Suíza, Grecia, Reino Unido, Italia, Francia, Nova Zelandia ou España—. Esta “visión colectiva” ofrece, en palabras de López Campos, unha “reflexión diversa e coral sobre cuestións de plena actualidade”, como o emprego de ferramentas de intelixencia artificial, a creación de xemelgos dixitais, ou a polarización e o acoso na Rede.

Mundo expandido é un proxecto de Fundación Telefónica que chega a Santiago tras exhibirse en Madrid e Lima. A súa estancia na Cidade da Cultura permitirá ao público galego “achegarse a unha proposta cultural innovadora e de primeiro nivel”, sinalou o conselleiro durante o acto de inauguración, onde estivo acompañado pola xefa de exposicións de Fundación Telefónica, Maria Brancós Barti, o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

A exposición, lembrou López Campos, encádrase na liña de traballo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao redor da tecnoloxía e as artes dixitais, unha “área prioritaria”, na que tamén se enmarca a construción do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, que comezará a súa actividade este mesmo ano.

A visión dunha realidade híbrida

Varias das obras exhibidas teñen unha importante compoñente interactiva, como os filtros de realidade aumentada das creadoras Inés Alpha e Johanna Jaskowska, que traballan na fronteira entre arte, moda e tecnoloxía explorando como a nosa identidade visual cambia na era dixital. Afincada en Madrid, Jaskowska obtivo recoñecemento mundial polo seu filtro viral de realidade aumentada para Instagram, Beauty3000, que acumulou máis 500 millóns de impresións e lle abriu a porta a colaboracións con xigantes da industria como Nike, Givenchy, Lady Gaga ou Vogue.

As persoas visitantes poderán ademais probar o videoxogo 2065, do creador afincado en Londres, Lawrence Lek, elixido pola revista Time como unha das 100 persoas máis influentes que traballan en IA, ou a peza interactiva Bounding box, coa que o artista Solimán López lanza unha reflexión sobre a compilación de grandes volumes de datos e os freos ao uso da tecnoloxía de xeitos pouco convencionais.

A exposición amosa tamén o proxecto dixital, social e cultural Tuvalu metaverse, co que este pequeno estado insular do Pacífico creou un xemelgo dixital no metaverso, nun intento de alertar sobre a súa futura desaparición baixo as augas por mor do cambio climático. A radicalización nas redes sociais, a perda de identidade das cidades por causa da globalización ou a creación de seres enteiramente dixitais que triunfan no mundo da moda ou da música, son outras das cuestións ás que se achega esta exposición.

Completa o percorrido unha escolma de obxectos históricos dos séculos XVIII e XIX, que xa comezaran a experimentar co fenómeno da tridimensionalidade, levando así ao público a descubrir pezas como a caixa óptica, o diorama, os visores estereoscópicos, ou os primeiros programas informáticos en crear mundos simulados.

Programa de actividades

Mundo expandido. Entre o físico e o virtual poderá visitarse con entrada de balde ata o 30 de agosto e contará cun programa de visitas guiadas e tamén didácticas, destinadas a que o alumnado galego se achegue á exposición desde unha óptica adaptada aos currículos escolares. Tamén, no marco do programa Gaiás Inspira, incluirá un programa propio de actividades lúdicas e divulgativas, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas pensadas para converter as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.

Comparte