Nova: A Xunta avanza coa Unesco na estratexia de cara a impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial na recta final do proceso
03/02/2026
A Xunta avanza coa Unesco na estratexia de cara a impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial na recta final do proceso
- López Campos continúa con “encontros claves”, tras a xuntanza co ministro de Cultura, “na liña de preparar unha consistente folla de ruta para os vindeiros meses”
- O titular de Cultura do Goberno galego salienta o respaldo que supón contar cun “sólido traballo dos técnicos” para confiar neste recoñecemento internacional
- Incide nos atributos “excepcionais e únicos” deste territorio e da súa paisaxe que a erixen nunha “proposta novidosa” dentro da listaxe de bens con esta distinción
París (Francia), 3 de febreiro de 2026.- O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse hoxe en París co subdirector de Cultura da Unesco, Ernesto Ottone, e o embaixador de España ante este organismo, Miquel Iceta, co obxecto de seguir “perfilando e ultimando” a estratexia da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial para os vindeiros meses, ante a avaliación que terá lugar en xullo no Comité deste organismo, que se celebrará en Corea do Sur.
O titular de Cultura do Goberno galego enmarcou esta xuntanza na capital francesa, na que estivo acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, nos “encontros claves” que está a manter na recta final do procedemento, en referencia á que mantivo semanas atrás en Madrid co ministro de Cultura, Ernest Urtasun. Neste caso, tal e como lembrou, para “coordinar conxuntamente actuacións para ofrecer o máximo impulso á candidatura”.
Deste xeito, considerou “clave” esta cita na Unesco, que inscribiu noutras que se desenvolverán neste semestre “antes da gran decisión que terá lugar na cidade coreana de Busán”. Por esta razón, López Campos incidiu na importancia de “preparar a conciencia e con rigorosidade unha consistente folla de ruta para os vindeiro meses”.
Pasos decisivos na recta final
“Estamos, de novo, perante pasos decisivos aos que nos enfrontamos coa tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións da zona”, asegurou López Campos, quen tivo palabras de agradecemento para todos eles pola “total entrega e desde o primeiro momento” coa proposta Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga.
Precisamente, o conselleiro salientou as “boas sensacións” recollidas no encontro en París co subdirector xeral Cultura da Unesco, Ernesto Ottone, e o embaixador de España ante este organismo, Miquel Iceta, “ao que é xusto recoñecerlle e agradecerlle a súa implicación co proxecto”. Neste senso, apuntou a reunión que mantivo con el hai un ano, tamén en París, ou a súa asistencia ao congreso internacional celebrado pola Xunta, no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín, “dentro dos traballos de difusión e promoción co obxecto de acadar que este sexa o sexto Patrimonio Mundial co que conte Galicia”, explicou.
Na reunión con estes representantes da Unesco, López Campos incidiulles en que candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga baséase nos atributos “excepcionais e únicos” deste territorio, que abranguen 26 concellos de Lugo e Ourense. Neste senso, subliñoulles en que se presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, argumentou.
Ao respecto, afondoulles en que a proposta se centra en atributos especiais para deixar constancia do seu carácter único, que van desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga.
Por estes motivos, e pola “boas impresións cara á candidatura recibidas no proceso”, o representante do Goberno galego reiterou que a Xunta está confiada en que a Ribeira Sacra se faga co “merecido e honroso recoñecemento internacional”, ao tempo que se amosou “máis que satisfeito” co traballo realizado, ata o momento, polos técnicos do Goberno galego e o Ministerio de Cultura. “Un compromiso compartido que agradecemos sinceramente e que estamos convencidos de que se manterá nestes momentos decisivos”, concluíu.
