Nova: Arias avanza no anuncio dos finalistas dos Mestre Mateo que a Xunta impulsará este ano con máis de 6,5 M€ o audiovisual galego

03/02/2026

Arias avanza no anuncio dos finalistas dos Mestre Mateo que a Xunta impulsará este ano con máis de 6,5 M€ o audiovisual galego

Lugo, 2 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia destinará este ano máis de 6,5 millóns de euros a impulsar o sector audiovisual galego, segundo avanzou hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, durante o anuncio dos finalistas dos premios Mestre Mateo, que concede a Academia Galega do Audiovisual.

Neste sentido, explicou que a semana pasada convocáronse as subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, que aumentan a súa dotación ata os 3,5 M€, un 16,6% mais que no ano anterior. Dentro da planificación de 2026 incluiranse tamén achegas para a organización de festivais audiovisuais, a promoción do talento audiovisual galego ou para a atracción de rodaxes a Galicia.

A gala de entrega dos Mestre Mateo celebrarase o día 21 de marzo no auditorio Fuxan os Ventos, “unha gran infraestrutura cultural na que a Xunta investiu 25 millóns de euros, concibida precisamente para que Lugo puidera albergar eventos deste calado”, afirmou Arias.

O delegado subliñou “a dimensión e a madurez do sector audiovisual galego” que se reflicte nas 186 producións inscritas, “sinal clara de dinamismo, de creación e de confianza nun sector en expansión”.  Finalmente, as firmes candidatas aos premios serán as películas Antes de nós, Sirāt e As liñas descontinuas, que suman 40   candidaturas finalistas desta edición.

Comparte