Nova: A Xunta concede o VIII Premio CGAC de investigación e ensaio a Raquel Alonso Docampo

02/02/2026

A Xunta concede o VIII Premio CGAC de investigación e ensaio a Raquel Alonso Docampo

A obra premiada, ‘Procesando interrogantes. Apuntamentos arredor da relación entre arte e tecnoloxía’, reflexiona nos vínculos entre arte, pensamento e tecnoloxías

O galardón, dotado con 3.000€, enmárcase no labor desenvolvido por esta entidade do Goberno galego a prol do coñecemento e o acceso público á arte contemporánea

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia acaba de conceder o VIII Premio CGAC de investigación e ensaio á graduada en historia da arte Raquel Alonso Docampo, polo traballo Procesando interrogantes. Apuntamentos arredor da relación entre arte e tecnoloxía. Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, na que se precisa que o galardón está dotado con 3.000 euros.

A decisión foi adoptada polo xurado presidido polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, e integrado por María Marco Covelo, escritora, crítica de arte e comisaria, Chus Martínez Domínguez, xestora, crítica cultural e comisaria, e Jacobo Bugarín Osorio, artista, produtor de exposicións e docente. Todos eles valoraron a calidade literaria do texto, a súa profundidade analítica e a súa relevancia no contexto da arte contemporánea.

Tal e como salientaron, Procesando interrogantes, que reflexiona nos vínculos entre arte, pensamento e tecnoloxía, contribúe ao estudo dun tema sobre o que se investigou e publicou moi pouco tanto en Galicia como en España. Así mesmo, a comisión evaluadora destacou o rigor e a capacidade da autora para abrir novas perspectivas neste eido artístico.

Ao igual que as obras galardoadas en edicións anteriores, o texto de Raquel Alonso publicarase dentro da serie CGAC_Ensaio, unha colección que naceu vinculada ao Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea coa vontade de apostar pola creación ensaística en lingua galega.

Raquel Alonso, nada en Vigo en 1996, é graduada en historia da arte e completou un máster en Mercado da Arte pola Universidade a Distancia de Madrid e o máster en Profesorado na UNED, ademais de  contar con formación superior en Comercio Internacional e Márketing. Actualmente, prepara as oposicións ao corpo de Educación Secundaria, na especialidade Xeografía e Historia.

Premiados nas edicións anteriores

O Premio CGAC de Investigación e ensaio sobre arte contemporánea creouse en 2018 co obxectivo de promover a creación ensaística en lingua galega no ámbito das artes e a cultura contemporánea. Os textos premiados ata o momento son: A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, de Rosendo Cid; Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea, de María Marco Covelo; Memoria do azul. A afección do contemporáneo, de Laura Calvo Gens; O menor: procesos a-significantes na arte contemporánea, de Matías G. Rodríguez-Mouriño; A caverna baleira. Catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente, de Jorge Fenández Gonzalo; A escola da noite, de Aitor Marcos, e Parlamentos de xeo (e outras friccións teóricas de arte do século XXI), de Sergio Mejide.

 

Comparte