Nova: López Campos aborda coa alcaldesa de Lobios os cambios da Lei de Patrimonio Cultural que permitirá unha xestión máis áxil e eficaz dos bens dos concellos

01/02/2026

López Campos aborda coa alcaldesa de Lobios os cambios da Lei de Patrimonio Cultural que permitirá unha xestión máis áxil e eficaz dos bens dos concellos

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo unha xuntanza coa alcaldesa de Lobios, Mª del Carmen Yáñez, coa que abordou cuestións das áreas da súa competencia, que son de interese para este concello ourensán. Deste xeito, o encontro permitiu analizar posibles colaboracións en materia de programación e infraestruturas culturais, e afondar coa rexedora na adaptación á realidade da Lei do Patrimonio Cultural, da que lle trasladou que suporá unha xestión máis áxil e eficaz dos bens patrimoniais dos concellos.

Neste senso, o representante da Xunta explicoulle que as modificacións previstas na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia permitirán reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais. Neste senso, cómpre subliñar que a Xunta de Galicia é a única administración autonómica que actualmente informa dos bens de todo o territorio con independencia de cal sexa o seu grado de protección, o que supón a xestión cada ano de 30.000 expedientes cun prazo de resolución aproximado de entre seis e 12 meses.

Comparte