Nova: López Campos visita o equipo da serie ‘Lobo’, que se filma en Galicia cunha das axudas da Xunta para a atracción de rodaxes

01/02/2026

López Campos visita o equipo da serie ‘Lobo’, que se filma en Galicia cunha das axudas da Xunta para a atracción de rodaxes

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe a esta nova produción de Vaca Films para Netflix cunha subvención de 300.000 euros para a súa gravación en numerosas localizacións galegas

A praza do Obradoiro e a contorna da catedral de Santiago está a acoller varias xornadas de rodaxe

Luis Tosar e Tristán Ulloa protagonizan esta miniserie de época baseada no caso real de Romasanta, o primeiro asasino en serie documentado en España

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu esta semana na compostelá praza do Obradoiro a unha das sesións de rodaxe de Lobo, miniserie de Vaca Films para Netflix que conta cunha das axudas da Xunta de Galicia para a atracción de rodaxes audiovisuais á nosa Comunidade. En concreto, o proxecto dispón dunha subvención de 300.000 euros a través da convocatoria de 2025 deste fondo, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Acompañado nesta visita polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o conselleiro felicitou a todo o equipo de Vaca Films, encabezado por Emma Lustres e Borja Pena, e a Diego Ávalos, vicepresidente de Netflix en España, Portugal e Turquía, por esta nova proposta audiovisual, que desenvolverá a súa rodaxe ata o mes de maio en numerosas localizacións galegas. Ademais de Santiago de Compostela, a filmación tamén terá lugar en diferentes escenarios do Courel, Celanova, Ribadavia, Sobrado dos Monxes ou Monfero, entre outros.

Thriller psicolóxico

Ambientado na Galicia rural da primeira metade do século XIX, este thriller psicolóxico recreará en seis capítulos o caso real de Manuel Blanco Romasanta, o “Lobishome de Allariz” e primeiro asasino en serie documentado en España, que está a ser interpretado por Luis Tosar. Alberto Marini, quen asina o guión xunto a Juan Galiñanes, é tamén o seu director con Javier Rodríguez Delgado.

O actor lucense participou na sesión de rodaxe desta mañá nos arredores da Catedral de Santiago xunto con Luisa Mayol e Xosé Antonio Touriñán, entre outros coñecidos nomes que integran o reparto de Lobo. Pola súa banda, Tristán Ulloa encarna o fiscal á fronte da acusación nesta caso, no que Romasanta alegou ser un lobishome, dando así lugar ao nacemento dunha lenda negra.

Netflix acaba de anunciar a rodaxe de Lobo como unha das súas principais apostas con estrea prevista para o ano que vén. Para este 2026, no seu catálogo figura a segunda temporada de Clanes, filmada o pasado verán en Galicia tamén cunha das subvencións do fondo galego para a atracción de rodaxes.

Comparte