Nova: A Xunta celebra o entroido na Cidade da Cultura cun baile de estatuas inspirado en Asorey e un concerto tributo ao ‘Xabarín club’
01/02/2026
A Xunta celebra o entroido na Cidade da Cultura cun baile de estatuas inspirado en Asorey e un concerto tributo ao ‘Xabarín club’
O Gaiás organiza o 16 de febreiro ‘O baile das esculturas’, unha tarde de festa ao redor do universo artístico de Asorey
O programa inclúe música, obradoiros de danza e un concurso de disfraces onde se repartirán agasallos ás vestimentas máis orixinais
O tributo ‘Lembra Xabarín’ ofrecerá un espectáculo coas cancións que marcaron unha xeración e que inspiran ás que veñen por diante
As entradas xa se poden retirar na web da Cidade da Cultura ou en Ataquilla.com
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia convida ás familias a celebrar o entroido na Cidade da Cultura con O baile das esculturas, unha tarde de festa na que dar vida aos personaxes da exposición Francisco Asorey. Unha recuperación necesaria. A xornada, que se desenvolverá na tarde do 16 de febreiro, contará con animación musical, obradoiros de danza urbana e un concerto tributo Lembra Xabarín.
A actividade anima á creación en conxunto, imaxinando como vestirían e se moverían as estatuas do museo se cobraran vida, e á confección de traxes e estampados con materiais reutilizables para lucir no baile de entroido, no que se premiarán os mellores disfraces.
O baile das esculturas dará comezo ás 16,30 horas coa pinchada musical de Picadiscos Marifaltri, que ofrecerá á cativada as mellores cancións infantís galegas. De seguido, ás 17,30 horas, será a quenda do tributo Lembra Xabarín, un concerto que convida aos nenos e nenas a compartir o amor pola lingua coas melodías que marcaron a toda unha xeración e que, agora, inspiran ás que veñen por diante.
Para rematar a xornada, haberá un obradoiro de danza urbana da man do colectivo Vella Escola. Mediante esta proposta, os nenos e nenas descubrirán diferentes estilos de baile como o hip hop, o popping ou o locking dun xeito divertido e adaptado á súa idade. A través desta actividade, poderán experimentar co corpo, seguir a música e aprender unha pequena coreografía colectiva.
Concurso de disfraces
Ao longo da tarde, o xurado observará as persoas asistentes para, despois, outorgar premios aos mellores disfraces acordes coa temática do entroido. Anímase ás familias a explorar a exposición Francisco Asorey. Unha recuperación necesaria, para descubrir todos os personaxes segredos que poden saír das pedras: desde escritores famosos, labregos, xente da burguesía ou aviadores ata animais como gatos, xatos ou lobos.
Os mellores traxes recibirán un agasallo sorpresa inspirado no Xabarín, cortesía da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. As entradas xa están á venda no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás ou en liña a través da web da Cidade da Cultura e en Ataquilla.com.

