Nova: O Centro Galego de Arte Contemporánea inicia a programación de 2026 coa inauguración de ‘Internalities. arquitecturas para un equilibrio territorial’

31/01/2026

O Centro Galego de Arte Contemporánea inicia a programación de 2026 coa inauguración de ‘Internalities. arquitecturas para un equilibrio territorial’

A mostra, que se poderá visitar por primeira vez en España a partir do venres 6 de febreiro, forma parte do proxecto presentado na 19 edición da Exposición Internacional de Arquitectura – Bienal de Venecia

O proxecto, promovido polo Goberno do Estado en colaboración con Acción Cultural Española, pon en valor o emprego de recursos locais, rexenerativos e de baixa pegada de carbono dunha nova xeración de estudos de arquitectura españois

O programa para a xornada inaugural inclúe catro paneis e unha conferencia maxistral da man da arquitecta inglesa Summer Islam

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2026

O Centro Galego de Arte Contemporánea iniciará o programa expositivo de 2026 coa inauguración, o venres 6 de febreiro, da mostra Internalities. Arquitecturas para un equilibrio territorial, un proxecto impulsado polo Goberno do Estado en colaboración con Acción Cultural Española que chega por primeira vez a España tras participar na 19 edición da Exposición Internacional de Arquitectura – Bienal de Venecia.

Comisariada e deseñada polos arquitectos galegos Manuel Bouzas e Roi Salgueiro, esta exposición pon en valor o traballo dunha nova xeración de estudos de arquitectura españois caracterizados polo emprego de recursos locais, rexenerativos e de baixa pegada de carbono. Explora como os arquitectos poden minimizar as externalidades ambientais asociadas cos procesos de produción para avanzar cara a descarbonización da construción.

Internalities. Arquitecturas para un equilibrio territorial, que poderá visitarse desde o 6 de febreiro ata o 3 de maio, divídese en dúas áreas. A primeira delas, titulada Balance, inclúe 16 obras construídas de arquitectura, paisaxismo e espazo público. O segundo espazo desenvolve investigacións sobre cinco eixos fundamentais para reducir as emisións do sector da construción: materiais, oficios, enerxías, residuos e emisións. Cada un destes eidos explórase en relación con cinco xeografías diferentes da península ibérica e está coordinado por un equipo de arquitectos-investigadores especializados neses temas e áreas xeográficas.

A axenda para a xornada inaugural, que conta coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, inclúe un programa de paneis e conferencias os días 6 e 7 de febreiro baixo o título Internalities para Galicia co fin de vencellar os contidos da exposición coa realidade arquitectónica, económica e ecolóxica galega a través da participación de expertos, axentes sociais e arquitectos.

Comparte