Nova: A Xunta pon o foco no talento audiovisual galego nunha nova edición do catálogo de curtametraxes 'Shorts from Galicia'

30/01/2026

A Xunta pon o foco no talento audiovisual galego nunha nova edición do catálogo de curtametraxes 'Shorts from Galicia'

  • Publícase en formato dixital e físico a edición de 2026, que recolle seis novos traballos dirixidos por Juan Lorenzo Loureiro, Zahira Teijelo, Iria Silvosa, David Fidalgo, Bea Lema e Ángel Suanzes, así como tres curtas en desenvolvemento
  • Como en anos anteriores, o mercado profesional do festival francés de Clermont-Ferrand, que arranca este luns 2, marca o inicio da difusión internacional desta escolma como reflexo da calidade da produción galega neste ámbito

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2026.- A Xunta acaba de lanzar unha nova edición do catálogo de curtametraxes Shorts from Galicia, que se publica tanto en formato físico como dixital co obxectivo de difundir internacionalmente o talento galego neste ámbito audiovisual. Como en anos anteriores, o mercado profesional do Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand (Francia), que arranca este luns día 2, marca o inicio da promoción desta escolma de nove títulos como reflexo da calidade e variedade das curtas galegas.

 

Coa ollada posta no circuíto internacional de festivais e encontros do sector, Shorts from Galicia edítase en inglés para ofrecer información das curtas seleccionadas e acceso baixo demanda ao seu visionado profesional. A selección deste ano está conformada polas curtametraxes A través, de Juan Lorenzo Loureiro; Bispos, de Zahira Teijelo; A pena, de Iria Silvosa; Lucus, de David Fidalgo; Escala un cincuenta mil, de Ángel Suanzes, e O corpo de Cristo, de Bea Lema, así como por outros tres proxectos aínda en desenvolvemento e que verán a luz proximamente: Noutro tempo, de Santos Díaz; Avisa cando chegues, de Ángela Andrada, e A ninguén lle importa ata que a alguén si, de Daniel Pérez Silva.

 

Estes títulos foron seleccionados por un grupo de traballo especializado a partir dunha convocatoria pública e seguindo, prioritariamente, un criterio artístico. A través deles, búscase seguir poñendo o foco no talento audiovisual, ao que o Goberno galego contribúe a través do seu programa anual de subvencións ao sector, entre outras accións.

 

Producións subvencionadas

Así, seis das nove curtas de Shorts from Galicia contan co apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mediante dúas das convocatorias de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais: Lucus, Escala un cincuenta mil, O corpo de Cristo, Noutro tempo e Avisa cando chegues foron subvencionadas a través da liña para a produción e coprodución de proxectos galegos, mentres que A pena, na convocatoria específica para promoción do talento audiovisual.

 

Shorts from Galicia 2026 comezará a súa difusión no mercado asociado ao festival de Clermont-Ferrand, considerado a principal cita mundial para os profesionais que se dedican á produción, difusión e distribución de curtametraxes. Nel promoverase a través de encontros profesionais e reunións personalizadas cos representantes das principais distribuidoras internacionais e dos festivais acreditados no evento francés.

 

Comparte