Nova: O prestixioso informe da Fundación Contemporánea elixe o CGAC como insignia da cultura galega en 2025
29/01/2026
O prestixioso informe da Fundación Contemporánea elixe o CGAC como insignia da cultura galega en 2025
A Cidade da Cultura ocupa a segunda posición, mentres que o Centro Dramático Galego comparte a terceira co Festival Sinsal, o Festival Outono de Teatro e a Bienal de Pontevedra
O Centro Galego de Arte Contemporánea tamén figura nas primeiras posicións da clasificación nacional, xunto co Festival Sinsal e a Bienal de Pontevedra
No apartado de novidades culturais de 2025, onde repite a Bienal, tamén se inclúen os Premios da Asociación Galega de Empresas Musicais
Destaca a entrada de Galiciana, Patrimonio Dixital de Galicia, na categoría dixital, na que repite o Gaiás, neste caso pola organización do foro ‘Sinte’
Así mesmo, o panel de expertos recoñece o compromiso social do Festival da Luz e os proxectos de dinamización cultural no rural con ata 6 distincións
O Ano Castelao e a película ‘Sirat’, de Oliver Laxe, son outras das propostas máis salientables
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025
O Centro Galego de Arte Contemporánea foi elixido como insignia da cultura galega en 2025 polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, o prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España que mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta, e superando por primeira vez o 20% dos votos.
No informe, no que figuran entre as distintas categorías unha vintena de proxectos da Comunidade, a Cidade da Cultura ocupa o segundo posto, mentres que Centro Dramático Galego comparte a terceira posición da clasificación co Festival Internacional Outono de Teatro, o Festival Sinsal e a Bienal de Pontevedra. Séguenlle outras mencións destacadas, como o Ano Castelao e a película de Oliver Laxe, Sirat, coa que colabora a Xunta de Galicia e que foi seleccionada para os Premios Óscar.
No ámbito nacional, o panel de expertos tamén destaca o CGAC, que recibiu máis de 58.000 visitantes o ano pasado, ao que acompañan nos primeiros postos o Festival Sinsal, celebrado na Illa de San Simón, e a Bienal de Pontevedra. Estes dous últimos aparecen, ademais, distinguidos nos apartados de Mellores Festivais de Música e Mellores Festivais de Arte, respectivamente. Así mesmo, a Bienal está recollida nas novidades máis destacadas do ano, xunto co Festival da Asociación Galega de Empresas Musicais.
Ademais, cómpre destacar a entrada no mellor da cultura dixital de 2025 de Galiciana, Patrimonio Dixital de Galicia, sumándose así ao Gaiás, que repite mención neste apartado, neste caso por Sinte. Foro Internacional de Arte e Cultura Dixital, que reuniu en Santiago algunhas das voces máis recoñecidas do ámbito neste momento, ofrecendo unha visión sobre o presente e o futuro da arte e das industrias creativas nun contexto onde as transformacións tecnolóxicas están a influír moito no eido cultural.
Compromiso social e dinamización do rural
O informe publicado hoxe recoñece tamén o traballo feito polo Goberno galego en liña coa coa Lei de cultura inclusiva e accesible impulsada pola Xunta e aprobada o ano pasado por unanimidade no Parlamento. Neste senso, o Observatorio destaca un total de 6 propostas polo seu compromiso coa dinamización da cultura no rural. Trátase do Festival Agrocuir da Ulloa; o programa Cultura no Camiño; o espazo de creación A Casa Vella; o Festival dos Eidos, o Festival de Cans e o Festival Bal y Gay.
Ademais, o Festival da Luz, que se localiza en Boimorto, e o Sinsal, distínguense entre as propostas exemplares a nivel de España en canto ao compromiso social e ao desenvolvemento sostible.
Estudo referente a nivel nacional
O Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea vén publicando desde o ano 2009 os seus informes anuais nos que analiza o panorama cultural español no seu conxunto, e tamén nas distintas comunidades autónomas. Están realizados a partir da valoración independente dun amplo panel de profesionais incluíndo escritores, artistas, directores e actores, músicos, arquitectos e creadores de todos os campos; responsables de fundacións, directores de museos, centros e institucións culturais; editores, produtores, promotores, responsables de industrias culturais; comisarios de exposicións, así como responsables de áreas e institucións culturais.
En 2025, o cuestionario foi respondido por 443 profesionais de institucións culturais, entidades privadas e profesionais independentes do sector. A partir das súas valoracións elabórase a clasificación das institucións e acontecementos culturais do ano en España e, a partir das opinións dos expertos correspondentes a cada Comunidade Autónoma, os ránkings rexionais.




