Nova: A Rede Galega de Teatros e Auditorios suma como escenario a Casa da Cultura do Concello de Outes
28/01/2026
A Rede Galega de Teatros e Auditorios suma como escenario a Casa da Cultura do Concello de Outes
O auditorio que alberga o espazo municipal entra no circuíto autonómico de espectáculos cunha carteleira inicial para o mes de febreiro de tres propostas escénicas producidas en Galicia
Cirkote, Ibuprofeno Teatro e Marta Alonso Tejada son as compañías que integran a programación que conta co financiamento compartido pola Xunta
Outes (A Coruña), 28 de xaneiro de 2026
O Auditorio da Casa da Cultura do Concello de Outes estréase o vindeiro 14 de febreiro como escenario da Rede Galega de Teatros e Auditorios coa peza de novo circo Kote Malabar, a cargo da compañía galega Cirkote. O municipio coruñés incorpórase así ao circuíto de espectáculos promovido pola Xunta en colaboración con 42 entidades locais asociadas a través dunha programación inicial que levará á vila durante ese mesmo mes outras dúas propostas escénicas producidas en Galicia: Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, o día 21, e a peza de danza Bailar agora, de Marta Alonso Tejada, o día 28.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou esta mañá o espazo e fíxolle entrega ao alcalde, Francisco Calo Abelleira, dunha placa que identifica o recinto como escenario da Rede, sumando butacas ás preto de 18.500 coas que conta neste momento o circuíto cultural autonómico. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que participou na presentación da nova actividade canda o rexedor municipal, subliñou a importancia da colaboración institucional para lle ofrecer ao público de todo o territorio espectáculos de xeito próximo e coas condicións óptimas para espectadores e artistas.
Dotación técnica e xestión profesional
Tamén fixo fincapé en que ser membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios supón a certificación como espazo dotado en canto a equipamentos técnicos e xestión profesional e que, no caso concreto de Outes, implica o acceso a un amplo catálogo de espectáculos con cachés cofinanciados pola Xunta para facilitar a súa contratación, o que ampliará a actual oferta cultural local desde un espazo recentemente remodelado e que xa leva 30 anos de funcionamento acollendo residencias artísticas e propostas de todos os xéneros.
Na súa intervención, Jacobo Sutil lembrou que xa está en marcha desde o pasado 15 de xaneiro a nova carteleira anual da Rede Galega de Teatros e Auditorios, cun primeiro semestre no que o público poderá gozar ata xuño de 307 funcións en 42 concellos das catro provincias. Co financiamento a cargo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e polas entidades locais adheridas, o circuíto conta cun orzamento próximo aos 1,29 M€, un 5,6% máis que no mesmo período de 2025, destinado á contratación de 102 compañías escénicas e grupos de música, na súa meirande parte galegos. Así mesmo, incidiu na relevancia da auditoría técnica impulsada pola Xunta para mellorar as infraestruturas dos espazos membros e destacou a evolución nos últimos anos en canto ás cifras de público, que pasaron de máis de 80.000 persoas en 2019 a rebordar os 100.000 asistentes en 2024.
Circo, teatro musical e danza
A carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Auditorio da Casa da Cultura de Outes arrancará o vindeiro 14 de febreiro ás 19,00 horas coa compañía Cirkote e a súa proposta para todos os públicos Kote Malabar, na que se combinan con humor técnicas circenses, clown e teatro cómico.
O día 21, ás 20,00 h., será a quenda de Ibuprofeno Teatro con Reconversión, unha montaxe escénica con música en directo interpretada polos propios nove actores e actrices do elenco. A obra, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso e producida cunha subvención á creación escénica da Xunta, aborda en primeira persoa a época da reconversión naval na ría de Vigo como pano de fondo.
Finalmente, o 28 de febreiro, tamén ás 20,00 h., chegará a Outes Marta Alonso Tejada con Bailar agora, unha peza coproducida polo Centro Coreográfico Galego en 2020, que leva desde entón colleitando éxitos e premios e creando público para a danza a través da posta en escena dunha sorte de autoficción na que unha bailarina narra, en ton de comedia e reflexión, a súa traxectoria vital e a súa relación con esta disciplina.
