Nova: A Xunta reforza as súas axudas para a produción galega de películas e series cun investimento de 3,5 M€

28/01/2026

A Xunta reforza as súas axudas para a produción galega de películas e series cun investimento de 3,5 M€

Publícanse no Diario Oficial de Galicia as bases destas subvencións, que experimentan un incremento dun 16,6% respecto ao ano anterior

‘Sirât’, ‘Decorado’, ‘Onte á noite conquistei Tebas’, ‘San Simón’ ou ‘Leo&Lou’ son algunhas das fitas cofinanciadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en anteriores convocatorias desta liña de apoio

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a súa convocatoria anual de subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, que neste 2026 aumenta a súa dotación ata os 3,5 M€, un 16,6% mais que no ano anterior.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa reforzando así o seu investimento nesta liña de axudas para a produción galega de películas e series, que vén rexistrando unha tendencia ascendente nos últimos cinco anos e a través da que se cofinanciaron títulos tan destacados como Sirât –finalista a dous premios Oscar, entre outros múltiples recoñecementos internacionais–, Decorado, Onte á noite conquistei Tebas, San Simón ou Leo&Lou.

Como en anos anteriores, as destinatarias desta convocatoria son as produtoras independentes do sector audiovisual galego para levar a cabo cinco categorías de proxectos subvencionables: longametraxes cinematográficas de ficción e/ou animación, de tipo documental, longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, curtametraxes, ou series para seren emitidas por televisión ou plataformas baixo demanda.

Promoción do galego e presenza feminina nos equipos

O baremo de puntuación das propostas continúa dándolle prioridade ao uso do galego, á participación de mulleres en todos os ámbitos e ao emprego de profesionais, recursos e servizos de empresas galegas. Ademais, os criterios de selección están estreitamente relacionados co territorio en canto ás localizacións de rodaxe, os estudos ou os profesionais creativos, técnicos e artísticos implicados, sen menoscabo da calidade dos contidos e o seu potencial de circulación a nivel estatal e internacional.

As produtoras interesadas teñen de prazo desde mañá e ata o 2 de marzo para presentar os seus proxectos a esta convocatoria, que será resolta en réxime de concorrencia competitiva.

Nestes momentos, o audiovisual galego está a preparar 26 novos títulos subvencionados a través desta mesma liña en 2025, ano no que se dotou con 3 M€. Deles, 10 corresponden á modalidade para longametraxes cinematográficas, dous á de longas en coprodución internacional minoritaria, 12 á de curtametraxes e dúas á de series de televisión ou plataformas de vídeo baixo demanda.

Trátase da principal vía de investimento na industria audiovisual galega dentro do programa de axudas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xestiona cada ano a través da Axencia Galega das Industrias Culturais para acompañar economicamente as empresas do sector desde o xermolo e o desenvolvemento dos proxectos, ata a súa produción, rodaxe, difusión, comercialización e exhibición. Dentro da planificación de 2026, atópanse xa en tramitación as dirixidas á organización de festivais audiovisuais cunha dotación de 310.000 euros e á promoción do talento audiovisual galego con 176.000 euros, ao tempo que se prepara a próxima publicación do fondo para a atracción de rodaxes a Galicia cun investimento de 2 M€.

Comparte