Nova: A Xunta compromete 3,6 M€ para o financiamento do Consorcio para a Promoción da Música no 2026
27/01/2026
A Xunta compromete 3,6 M€ para o financiamento do Consorcio para a Promoción da Música no 2026
A Coruña, 27 de xaneiro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, asistiron á reunión da Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música, na que se abordaron distintos asuntos de carácter informativo e resolutivo relacionados coa actividade e a xestión do organismo.
Así mesmo, informouse da renovación parcial da Xunta de Goberno do Consorcio. No ámbito informativo, tamén se presentou o informe de xerencia relativo ao peche do exercicio económico correspondente ao ano 2025, no que se recolle o balance da xestión desenvolvida ao longo do pasado exercicio. Así mesmo, presentouse o proxecto de orzamento do Consorcio para o exercicio 2026.
Neste senso, a delegada da Xunta lembrou que o Goberno galego deu resposta ao seu compromiso con esta entidade, o ano pasado, dunha achega adicional de 200.000 euros que xa foi transferida ao Consorcio. Deste xeito, incrementou o orzamento ata 3,5 millóns de euros.
Ademais, o Goberno galego volverá aumentar o seu apoio a esta entidade nos orzamentos de 2026, ata os 3,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 20% con respecto ao orzamento do 2024.
Este aumento orzamentario evidencia asíneo compromiso da Xunta coa cidade da Coruña e coa súa actividade cultural, así como coa consolidación do Consorcio como motor musical de referencia a nivel rexional, estatal e internacional.



