Nova: A Xunta finaliza o 'Ano Castelao' con máis de 80 accións en recoñecemento do intelectual

27/01/2026

A Xunta finaliza o 'Ano Castelao' con máis de 80 accións en recoñecemento do intelectual

  • Así se reflicte no informe avaliado hoxe no Consello sobre a programación que o Goberno galego desenvolveu directamente e en colaboración con outras entidades
  • Entre as iniciativas destacan unha decena de publicacións, entre libros e recursos dixitais centrados na obra do autor
  • As exposicións foron outro dos eixos desta homenaxe, destacando a experiencia inmersiva ‘Castelao. Mirar por Galicia’, na Cidade da Cultura
  • Tamén se levaron a cabo outras propostas no eido das artes escénicas, a música, o audiovisual ou no ámbito educativo e da investigación
  • A actividade chegou máis alá da Comunidade, con proxectos realizados en diferentes puntos do mundo a través dos Centros de Estudos Galegos e das Casas de Galicia

A Xunta de Galicia levou a cabo máis de 80 accións no marco da programación deseñada durante o 2025 para celebrar o Ano Castelao, declarado polo Goberno galego co gallo do 75 cabodano do intelectual, e coa finalidade de difundir as súas importantes achegas culturais, políticas e lingüísticas entre a sociedade, especialmente enfocada nas novas xeracións.

Así, no informe analizado hoxe no Consello dáse conta das distintas iniciativas desenvolvidas durante o ano que rematou destinadas a recoñecer o legado intelectual, artístico, político e social do persoeiro, unindo nesta homenaxe as diversas institucións e a poboación en xeral ao redor da súa figura. Nesta liña, cómpre destacar que as distintas propostas desenvolvéronse tanto nos equipamentos xestionados directamente polo Executivo autonómico como en colaboración con outras administracións e con entidades de relevancia na Comunidade, apoiándose nos principios de participación e transversalidade.

Deste xeito, tras meses de intensa actividade, desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cumpríronse os obxectivos nos que se baseou o Ano Castelao, impulsando a súa consideración como unha figura fundamental para a cultura e lingua galegas, máis alá de reivindicacións políticas; reforzando o seu papel ao longo da historia como un referente esencial da identidade de Galicia; poñendo en valor a súa pluralidade creativa como escritor, debuxante, caricaturista, ensaísta, dramaturgo e pensador; destacándoo como un símbolo da defensa da democracia e a liberdade; reflexionando sobre o exilio galeguista, así como promovendo unha lectura viva do autor orientada á mocidade mediante actividades educativas, dixitalización de fondos e creación contemporánea.

 

Desde experiencias virtuais a recursos dixitais

Os proxectos expositivos foron un dos eixos centrais da programación da Xunta, achegando diversas olladas sobre a traxectoria do homenaxeado. Destaca, neste senso, a proposta principal que acolleu a Cidade da Cultura, unha experiencia inmersiva que combinou intelixencia artificial, hologramas, videmapping e realidade virtual para trasladar ao público ao universo do intelectual.

Á mostra Castelao. Mirar por Galicia, que acadou máis de 35.000 visitas, hai que sumarlle tamén no Gaiás As mulleres na obra de Castelao, que aínda se pode visitar na Biblioteca de Galicia, ademais doutras propostas como son Castelao e Ourense, que relacionou no Arquivo Provincial a súa figura co galeguismo ourensán ou Castelao e Bos Aires. De sempre en Galiza a Alba de gloria, no Centro Galicia de Bos Aires.

 

Outro dos eidos nos que o Goberno galego puxo o foco durante esta celebración foi no das publicacións, cunha decena de proxectos. Así, ademais dos libros Castelao entre nós. 75 anos despois, de Francisco L. Barxas, ou da edición de Galaxia de Castelao escritor, de Eduardo Blanco Amor, viu a luz un libro-disco que fusiona as múltiples facetas do intelectual e un audiolibro que permite escoitar dúas das súas obras máis significativas, Retrincos e Un ollo de vidro. Por outra banda, aínda no marco dos recursos dixitais, a Xunta colaborou coa Fundación Castelao para actualizar novidades na súa web.

 

Investigación e propostas educativas

Nestes meses tamén se consolidou a presenza de iniciativas académicas que afondan na investigación e divulgación do legado do escritor. Nesta liña, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoiou a creación da Cátedra Castelao na Universidade de Santiago de Compostela, así como a posta de novo en funcionamento da Cátedra de Estudos Galegos Alfonso Rodríguez Castelao na Universidade de Bos Aires.

Tamén se dixitalizou, en colaboración co Instituto Padre Sarmiento, toda a documentación descuberta sobre o proceso de aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, no que Castelao  foi un dos partícipes directos. Aínda vencellado ao ámbito educativo, hai que sinalar a participación de máis de 30 institutos nas accións desenvolvidas polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, centrados na elaboración de materiais audiovisuais, na gravación de podcast, na creación de exposicións ou de pezas teatrais.

 

Audiovisuais e artes escénicas

A Xunta involucrouse, ademais, coa longametraxe de ficción Castelao. Antes de Nós, dirixida por Ángeles Huerta, cunha achega de 280.000€ a través da súa liña de axudas á produción audiovisual. Tamén, no que ten que ver coas artes escénicas apoiou unha nova edición do Festivalle, que se sumou á homenaxe ao rianxeiro, e a adaptación teatral da única obra narrativa que escribiu, Os dous de sempre.

A música tamén foi protagonista da programación, entre outras iniciativas, coa novena edición de No bico, un cantar, unha proposta na que o Executivo autonómico colabora co Consello da Cultura Galega e que este ano se dedicou a Castelao nun acto que tivo lugar en Rianxo.

 

Proxección exterior

Ademais de poñer en valor unha das figuras máis senlleiras de Galicia na súa propia terra, o programa estendeuse tamén a outros puntos do mundo, facendo fincapé na proxección exterior da cultura galega a través de Castelao, tanto noutras Comunidades Autónomas como en países de América, Europa e mesmo África. Neste senso, realizáronse distintos proxectos nos Centros de Estudos Galegos e nas Casas de Galicia, como foi o caso de Bahía, Sao Paulo ou Río de Janeiro, ou xa en Europa de Budapest, Heildeberg, Kiel, Varsovia, Oxford ou Gales. Neste contexto, a súa historia e legado tamén chegou a Nova York ou ao Centro de Estudos Galegos de Mozambique.

 

Comparte