Nova: A Xunta desenvolverá contidos culturais accesibles para as persoas con discapacidade intelectual na Cidade da Cultura co apoio de Fademga

23/01/2026

A Xunta desenvolverá contidos culturais accesibles para as persoas con discapacidade intelectual na Cidade da Cultura co apoio de Fademga

  • O acordo entre ambas as dúas entidades senta as bases para promover exposicións, eventos e boas prácticas que atendan as necesidades do colectivo
  • A accesibilidade incluirase tamén como requisito para os materiais, servizos e actuacións obxecto de licitación por parte da Fundación Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2026.- A Xunta de Galicia desenvolverá contidos culturais accesibles para as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento na Cidade da Cultura co apoio de Fademga Plena Inclusión Galicia. Así se desprende do acordo entre ambas as dúas entidades para promover boas prácticas no Gaiás en liña cos obxectivos da Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Así, o convenio, asinado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o presidente de FADEMGA, Eladio Fernández Pérez, fai fincapé en promover a accesibilidade ás exposicións e aos grandes eventos culturais que forman parte da programación do Gaiás. Tamén se incluirá este requisito para os materiais, actuacións ou servizos obxecto de licitación por parte da Fundación.

Ademais, FADEMGA ofrecerá asesoramento para adaptar os contidos divulgativos e de comunicación da Cidade da Cultura, e difundirá a programación entre os seus asociados e familias. A federación está composta por 42 entidades das catro provincias galegas, contando con máis de 7.000 socios que representan a máis de 10.500 persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

Este acordo permitirá á Cidade da Cultura avanzar na inclusión como motor dunha cultura sen fronteiras físicas nin intelectuais e ampliar o seu público cun enfoque centrado na diversidade. Neste sentido, a incorporación de textos de lectura fácil ou a organización de actividades de mediación con persoas con discapacidade intelectual en festivais como Escenas do Cambio son exemplos dalgunhas iniciativas que xa se están a desenvolver no Gaiás.

Comparte